A Xunta estende o Bono Turístico #QuedamosEnGalicia ao conxunto da poboación galega co obxectivo de mobilizar en torno a 6,8 M€, inxectar actividade e impulsar a reactivación do turismo

Feijóo salienta que a Xunta asumirá o 60% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 40%

Destaca que a data límite para o seu uso será o 15 de decembro de 2021, concedéndose exclusivamente por orde de entrada de cada solicitude
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a ampliación do bono turístico #QuedamosEnGalicia ao conxunto da poboación galega, co obxectivo de mobilizar en torno a 6,8 millóns de euros, inxectar actividade e impulsar a reactivación do turismo.

Así, a segunda convocatoria deste bono abrirase a todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego, e que non foran beneficiados na convocatoria de 2020. E a Xunta asumirá o 60% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 40%.

Outra das novidades é haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -150€ abonados pola Xunta e 100€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -225€ abanados pola Xunta e 150€ polos particulares; e o terceiro de 500 euros -300€ pola Xunta e 200 polos particulares-. E só se poderá solicitar un único bono por persoa, entre un dos tres tipos.

Baixo a previsión de que a finais do mes de marzo se faga pública a convocatoria do bono e se abra o prazo para a adhesión das empresas, Feijóo destacou que a data límite para o seu uso será o 15 de decembro de 2021, concedéndose exclusivamente por orde de entrada de cada solicitude.

O titular da Xunta recordou a boa acollida que o ano pasado tivo a primeira convocatoria do bono turístico, dirixido ao persoal sanitario e sociosanitario. Así, case 20.000 persoas destes colectivos se puideron beneficiar do bono, 560 empresas e establecementos se adheriron á iniciativa e se xerou un investimento público de preto de 5 millóns de euros, no momento en que o turismo máis o precisaba.

Feijóo concluíu recordando que “a idea é seguir acompañando aos sectores con axudas directas, tanto ao da hostalería, como aos hoteis e o comercio, e, por suposto, seguiremos traballando con outros sectores”.
 

Imaxes relacionadas