O Salón Teatro abre ao público unha mostra das propostas artísticas participantes no programa ‘Residencias cruzadas’

A cidadanía achegarase ao proceso de creación dos proxectos e asistirá a unha breve representación de cada un deles

Os encontros desenvolveranse o martes, mércores e xoves, con entrada de balde
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle a vindeira semana unha mostra ao público do programa Residencias cruzadas desenvolvido ao longo de febreiro. O Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta de Galicia, promoveu esta iniciativa para dinamizar o sector escénico ante a cancelación das funcións teatrais por mor da covid-19, e aglutinou nove propostas artísticas combinadas en cinco proxectos.

A través dos encontros previstos para o martes, mércores e xoves, o público coñecerá os procesos de creación dos diferentes traballos e asistirá a unha breve representación de cada un deles. Todas as sesións terán lugar ás 18,00 h. e unha hora antes abrirase o despacho de billetes para recoller as entradas gratuítas.

O martes, Diana Sieira e Helena Salgueiro compartirán os procesos de creación dos seus respectivos proxectos The Witch e Ferro, Federicci. A través de lecturas comúns e complementarias, ambas analizarán a situación actual das mulleres, atendendo á historia da caza de bruxas como pano de fondo.

O mércores será a quenda de Producións Dispersas, con Mentres dure a canción e Mónica Sueiro, con 15 minutos, que afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo. Finalmente, o xoves, Anómico Teatro presentará a súa recente estrea Mosaico de anxos abandonados despois do combate, e Cía. Sr. López, Manuela Rodríguez é unha inuit, con lecturas complementarias sobre exilios e migracións.

Os encontros co público das Residencias cruzadas comezaron a semana pasada con Marta Pazos, de Voadora, e Lucía Díaz-Tejeiro. Ambas compartiron os procesos de creación dos seus respectivos traballos Sincro e Akrasia. No programa participou tamén Chusa Pérez de Vallejo, quen desenvolveu durante febreiro diversas sesións formativas sobre teatro e inclusión.

Dinamización do sector escénico

Co novo programa Residencias cruzadas o Centro Dramático Galego ofrécelles ás compañías participantes un novo modelo de traballo, ao facilitar que propostas artísticas con temáticas, imaxinarios, idearios ou formatos semellantes poidan retroalimentarse. Trátase así de fomentar o encontro dos profesionais e de dinamizar o sector escénico a prol do enriquecemento de futuras exhibicións teatrais.
 

Imaxes relacionadas