A Xunta entrega sete vivendas de promoción pública en Ferrol

Trátase de vivendas destinadas a menores de 35 anos ou maiores de 65

Os adxudicatarios pagarán alugueiros de entre 46 e 63 euros ao mes

O IGVS continúa co desenvolvemento do programa Rexurbe en Ferrol Vello, onde está a rehabilitar 18 inmobles

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

A Xunta de Galicia entregou hoxe aos seus adxudicatarios as chaves de sete vivendas de promoción pública emprazadas na rúa Fonte da Greza de Ferrol, outorgadas en segunda adxudicación unha vez que foron recuperadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo tras a renuncia dos anteriores adxudicatarios.

Trátase de vivendas destinadas ao alugueiro por parte de persoas menores de 35 anos ou maiores de 65, que contan con superficies útiles de 40,75 m2 (un dormitorio) ou 55,60 m2 (dous dormitorios). Os adxudicatarios, que foron seleccionados por sorteo entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, pagarán alugueiros que oscilan entre 46 e 63 euros mensuais.

Por outra parte, continúan os traballos do IGVS para a rehabilitación de inmobles no conxunto histórico de Ferrol Vello a través do programa Rexurbe.

Unha vez rematadas as obras de construción das dúas primeiras vivendas na rúa Argüelles, xa se licitou o contrato para rehabilitación dos inmobles emprazados nos números 8, 22 e 24 da rúa Carme Curuxeiras e na rúa Rastro 7, por un importe de 1.704.216,62 euros e proximamente licitaranse as obras de rehabilitación de Castro 22-24 e Benito Vicetto 17, por importe de preto de un millón de euros.

Posteriormente, ao longo de 2021 licitaranse as obras de Espartero 18, 46 e 59, Mártires 9, Río Novo 11 e San Francisco 13 e 21, por un importe total de máis de 3,2 millóns de euros.

En total, o IGVS adquiriu e está a rehabilitar 18 inmobles no conxunto histórico de Ferrol. As vivendas resultantes destinaranse ao alugueiro social, adxudicándose a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda.