Máis de 1.100 profesionais incorpóranse ás listas de contratación temporal de persoal laboral da Xunta para diversas categorías sanitarias e de emprego social

O DOG publica hoxe estas listas provisionais de admitidos e excluídos de forma anticipada para ter maior dispoñibilidade de profesionais para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos

A relación de aspirantes pode consultarse no portal web corporativo da Xunta

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020
Compartir
  • whatsapp

Máis de 1.100 profesionais veñen de incorporarse ás listas de contratación temporal de persoal laboral da Xunta para diversas categorías sanitarias e de emprego social.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as listas provisionais de admitidos e excluídos de forma anticipada e separada, co fin de ter unha maior dispoñibilidade de profesionais para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

As persoas contratadas prestarán servizos en residencias de maiores, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, centros para persoas con dependencia ou escolas infantís.

En total, foron 1.105 as solicitudes de incorporación a estas listas: 825 solicitudes para auxiliar de clínica e outras; 81 para fisioterapeuta; 62 solicitudes para a categoría de ATS e outras; 62 para terapeuta ocupacional; 22 solicitudes para a categoría de educador/profesor especial; 15 para titulado superior psicólogo; outras 15 para asistente social; 13 para técnico especial en xardín de infancia; 7 para a categoría de titulado superior médico e outras; e 3 solicitudes para titulado superior pedagogo.

Consulta das listaxes

As listas provisionais poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://funcionpublica.xunta.gal no apartado de <Listas de contratación>; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía, a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta. Os solicitantes disporán dun prazo de dez días hábiles desde hoxe, data da publicación das listas no DOG, para presentar reclamacións

Imaxes relacionadas