A Xunta e a Comisión Europea abordan a nova estratexia comunitaria para impulsar unha economía azul sostible

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o sexto encontro do ciclo “FGE | Next Generation Galicia”, da Fundación Galicia Europa, no que destacou a importancia de fomentar a sostibilidade dos sectores económicos vencellados ao mar na Unión Europea e, especialmente, en Galicia

Unha ampla representación da Xunta puido profundar, da man dun representante da Comisión Europea, na recente comunicación coa que se pretende reducir o impacto climático de sectores como o transporte marítimo, a pesca, a acuicultura ou a construción naval, en liña cos obxectivos do Pacto Verde Europeo

Santiago, 7 de xullo de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe a sexta reunión do ciclo de encontros virtuais da Fundación Galicia Europa “FGE | Next Generation Galicia”, no que a Xunta e a Comisión Europea puideron abordar o novo enfoque estratéxico para promover unha economía azul sostible.
Durante o encontro, moderado pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, Gamallo destacou, por unha banda, o peso económico da economía azul na UE, que anualmente proporciona 4,5 millóns de empregos directos a nivel comunitario e xera un volume de negocio superior aos 650 000 millóns de euros, e, por outra, a súa especial importancia para Galicia, tanto polas características xeográficas da rexión como polas súas particularidades socioeconómicas.

Neste sentido, o director xeral recordou que a Xunta traballa dende hai máis de dez anos en impulsar a economía azul, con investimentos que superan os 80 millóns de euros, ou apoiando iniciativas como a da Autoridade Portuaria de Vigo, pioneira á hora de elaborar e poñer en marcha a súa propia estratexia de crecemento azul.

Tras a intervención do director, unha ampla representación da Xunta puido afondar co responsable de políticas na Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Manuel Pleguezuelo, en todos os aspectos deste novo enfoque comunitario para acadar unha economía azul sostible, reducindo o impacto climático dos sectores que a compoñen, como o transporte, a pesca, a acuicultura, os portos ou os estaleiros, en liña cos obxectivos do Pacto Verde. O financiamento europeo haberá de contribuír a esta transformación mediante investimentos en I+i de cara a crear cadeas de valor máis sostibles e reforzar as competencias dos profesionais destes sectores.

Ciclo de encontros virtuais Xunta-UE da FGE

Primeiro baixo o nome de Galicia na recuperación económica da UE e agora como “FGE | Next Generation Galicia”, o ciclo de encontros virtuais da FGE tratou, desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, numerosos temas de relevancia para Galicia como a transición verde, a Estratexia Industrial para Europa ou a futura política de cohesión 2021-2027. Nestes encontros participan responsables políticos e técnicos dos departamentos da Xunta e da Comisión Europea. Co cambio de nome, a FGE quere subliñar o rol que está a desempeñar para dar apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, creada polo Goberno galego para identificar proxectos susceptibles de ser financiados polo instrumento europeo de recuperación NextGeneration EU.

Imaxes relacionadas