A Xunta súmase en Barcelona á conmemoración do 30º aniversario de Fegalcat

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe nos actos, que incluíron unha ofrenda floral ao pé do busto de Rosalía en Mollet del Vallès

Mollet del Vallés (Barcelona), 10 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sumouse hoxe en Barcelona aos actos de conmemoración do 30° aniversario da Federación de Entidades Culturais Galegas en Catalunya (Fegalcat), que se abriron ao mediodía cunha ofrenda floral ao pé do busto de Rosalía de Castro que loce na praza Padrón de Mollet del Vallès.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou na súa intervención “a fortaleza da galeguidade na diáspora e a importancia de manter sempre viva a lingua e a cultura galega como unha oportunidade para a nosa proxección exterior”. Neste sentido, sinalou que actos como o de hoxe, no que se pon en valor a Rosalía de Castro como a escritora galega de máis referencia, se impulsa o Camiño de Santiago ou se apoia a edición de libros como o de Manoel Carrete, “reforzan esa fonda pegada dos galegos e galegas nesta importante comunidade”.

No acto participaron tamén Domingo Balboa, presidente da Felgacat, e José Canosa, presidente do Centro Cultural Airiños da Nosa Galicia, así como os presidentes das entidades que integran a Felgacat, a banda de gaitas da Irmandade A Nosa Galiza de Mollet e outras autoridades locais.

Mostra sobre o Camiño e libro conmemorativo

Pola tarde, Valentín García participa tamén na inauguración da exposición sobre o Camiño de Santiago, con cadros da artista ourensá Maite Vázquez que exhibe o edificio Aura Seguros. A iniciativa promóvena a Irmandade A Nosa Galiza de Mollet del Vallès e a Felgacat, coa coordinación do Centro Cultural Airiños da Nosa Galicia de Santa Coloma de Gramenet e a colaboración da Xunta de Galicia.

A seguir, o secretario xeral de Política Lingüística acompaña ao escritor, investigador, dinamizador cultural e especialista en emigración e diáspora galega Manoel Carrete no acto de presentación do libro Fegalcat. 30 anos, que recompila información sobre a historia, traxectoria, principais fitos e persoeiros desta federación.