A Xunta participa na reunión do Comité de Ministros da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) na que España ingresa como Estado "asociado"

A incorporación de España como "asociado" na CPLP foi unha demanda da Xunta tras un período de case tres anos de contactos

Ser membros da estrutura da CPLP abre un amplo ámbito de traballo para a cooperación coa lusofonía
 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou por videoconferencia na sesión do Comité de Ministros da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) que celebrouse hoxe en Luanda, Angola, na que España ingresa como Estado "asociado", decisión que será ratificada mañá polos Xefes de Estado e de Goberno.

Dende hai case tres anos a Xunta de Galicia mantivo contactos co Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (MAEUEC) e directamente coa Secretaría Xeral da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) en Lisboa co fin de acadar o obxectivo de poder participar na cooperación no ámbito da lusofonía, en cumprimento da "Lei Paz Andrade" e das previsións da Estratexia Galega de Acción Exterior de 2018 que logo se concretaron na Lei 10/2021, reguladora da Acción Exterior e da Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia.

Perante as negociacións do ingreso de España como Estado soberano na estrutura da CPLP, a Xunta fixo achega dos documentos necesarios preparatorios de adhesión a través dun Plan de Acción e dun Plan de Actividades, que constitúen a base para o traballo de futuro. Ademais, pediuse expresamente asegurar a nosa presenza nos grupos de traballo nos que teñan dereito a participar, en especial, no de lingua e cultura, relacións comerciais, pesca ou cooperación para o desenvolvemento.

Esta adhesión de España co estatuto de observador asociado supón un paso máis para a participación de Galicia no ámbito da CPLP, despois de que xa o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Academia Galega da Lingua Portuguesa (AGLP) participasen nos traballos da CPLP en calidade de observadores consultivos.

A Xunta espera que esta incorporación de España na CPLP sirva para que a nosa comunidade teña unha presenza directa no seus órganos e poda así avanzar na cooperación co mundo da lusofonía, tal e como foi posto de manifesto polo Goberno de España na reunión de hoxe.

A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP)

A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa é un foro multilateral privilexiado para o afondamento da amizade mútua e da cooperación entre os seus membros. Creada en 1996, a CPLP goza de personalidade xurídica e está dotada de autonomía financeira. En 2005 estableceuse a categoría de Observador Asociado, pola que os estados que pretenden adquirir a devandita categoría teñen que compartir os principios orientadores da CPLP, en especial no que se refire á promoción de prácticas democráticas, bo goberno e o respecto aos dereitos humanos, así como procurar a través dos seus programas de goberno obxectivos idénticos aos da CPLP.

Durante a XIII Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, que se celebrou hoxe en Luanda (Angola) co lema “Construír e Fortalecer un Futuro Común e Sustentable”, a República de Angola asumiu o exercicio da Presidencia da CPLP durante o período de dous anos e durante este acto aprobaron a incorporación de España como Observador Asociado da CPLP.
 

Imaxes relacionadas