A Plataforma Dixital de Sogama Caderno Verde consolídase como ferramenta pedagóxica para achegar a educación ambiental aos nenos galegos

O portal educativo recibiu preto de 210.000 desde a súa posta en marcha

Trátase dunha ferramenta dirixida a alumnos de Infantil e Primaria que permite traballar todas as disciplinas do currículum académico desde unha perspectiva ambiental, cunha atención especial á xestión dos residuos urbanos

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A plataforma dixital de Sogama Caderno Verde consolídase en Galicia como un recurso pedagóxico de referencia no eido da educación ambiental, cun balance de 208.095 visitas e 1.257.516 páxinas vistas acumuladas desde a súa posta en marcha.

O crecemento deste sitio web foi especialmente notable durante o ano pasado. Así, mentres que en 2019 recibiu 28.588 visitas, cun total de 190.641 páxinas vistas, en 2020 esta cifra subiu ata as 34.333 visitas, con 224.209 páxinas vistas.

O público obxectivo de Caderno Verde, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través de Sogama, é o alumnado galego de Educación Infantil e Primaria coa intención de achegar ás novas xeracións ao mundo do medio ambiente a través da aprendizaxe, o xogo e o entretemento.

A pretensión última é que a través da plataforma dixital Caderno Verde os escolares teñen a oportunidade de traballar desde unha perspectiva ambiental nas distintas áreas e disciplinas que conforman o currículum académico destas etapas educativas, en lugar de abordar o tema como unha materia de estudo independente.

Para isto, na web póñense á súa disposición unidades didácticas en galego, castelán e inglés nas que se lle dá unha especial relevancia á correcta xestión dos residuos urbanos pero sen esquecer outras cuestións tales como a mobilidade sostible, a protección da natureza e dos ecosistemas, o papel das enerxías renovables, o aforro enerxético ou a contaminación do aire.

As explicacións de cada temática, impartidas a través dunha serie de personaxes animados —os amigos de Vilaverde— compleméntanse con actividades e materiais complementarios como os ecocontos, protagonizados neste caso polos membros da Familia Trebón, procedentes doutra Galaxia.

No caso concreto dos residuos, préstase especial atención ás boas prácticas, individuais e colectivas, para levar a cabo a súa xestión, primando o consumo responsable e a prevención así como a redución da produción de lixo, a reutilización dos artigos co fin de alongar a súa vida útil e a reciclaxe, un proceso que permite aforrar enerxía e materias primas virxes.

En definitiva, Caderno Verde é un dos múltiples proxectos impulsados nos últimos anos por Sogama para contribuír á divulgación da conciencia ecolóxica dos galegos. Neste sentido, cómpre lembrar que a educación ambiental dos máis novos é a mellor maneira de investir nun futuro verde, sostible e circular, dando paso a adultos comprometidos coa contorna, responsables e consecuentes coas súas accións.

Imaxes relacionadas