A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou a nova publicación hoxe no miradoiro da Pedra da Ra, en Ribeira

A Xunta lanza unha Guía de boas prácticas nos miradoiros para fixar criterios comúns e garantir a súa integración coa paisaxe

Ángeles Vázquez resalta a enorme riqueza de Galicia neste sentido, con 472 puntos de observación inventariados que forman parte da identidade do territorio

A partir da análise de 144 miradoiros seleccionados polo seu valor estratéxico e panorámico, o documento fai unha serie de recomendacións tanto para mellorar os seus accesos, o mobiliario ou a sinalización como para deseñar outros novos

A publicación, elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio en colaboración coa Fundación Juana de Vega, enmárcase na colección Paisaxe de Galicia, que nestes momentos conta xa cun total de 11 guías monográficas publicadas

Ribeira (A Coruña), 30 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá a Guía de boas prácticas para a identificación e acondicionamento de miradoiros, unha publicación na que se recollen toda unha serie de recomendacións co dobre obxectivo de fixar uns criterios básicos á hora de seleccionar novos puntos de observación e á vez, determinar as pautas a seguir en futuras actuacións tanto para a mellora como para a habilitación de novos espazos.

O miradoiro da Pedra da Ra, en Ribeira, foi o lugar escollido para a presentación desta guía, a undécima das publicadas ata o momento dentro da colección Paisaxe de Galicia e en cuxa elaboración colaboraron o Instituto de Estudos do Territorio e mais a Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.

Precisamente a conselleira destacou a “beleza” e a espectacularidade deste miradoiro, que grazas á última intervención deseñada polo arquitecto Carlos Seoane, puxo como exemplo de integración paisaxística e de como a acción humana pode darlle unha nova utilidade a miradoiros xa existentes, pero sempre desde o respecto á súa contorna.

Con ese mesmo obxectivo de integración e cohesión, os autores da guía presentada esta mañá analizaron durante meses 144 dos 472 miradoiros inventariados en toda Galicia, seleccionados polo seu alto valor estratéxico e panorámico.

A partir deste estudo, elaboráronse 10 fichas máis polo miúdo nas que se tomaron como exemplo outros tantos miradoiros — entre eles, o de Pedra da Ra— tanto polos seus valores paisaxísticos como pola calidade das intervencións realizadas co fin de acondicionalos e a representatividade destes enclaves sobre o conxunto da Comunidade.


Cos datos básicos recompilados na guía, definíronse ata oito categorías de miradoiros en función da súa temática —paisaxes de augas doces, de augas costeiras, agrícolas, de montaña, urbanas, industriais, patrimoniais ou de ceo nocturno— e outras seis tipoloxías diferentes atendendo á propia morfoloxía da intervención realizada —miradoiros de tipo sentadoiro, xanela, refuxio, torre, balcón ou área—.

Ademais desta caracterización para identificar os principais tipos de miradoiros existentes en Galicia, a mostra escollida para o estudo serviu de base á hora de plasmar unha serie de pautas e recomendacións para deseñar novos puntos de observación e planificar a mellora dos xa existentes.

Como explicou a conselleira, esas boas prácticas a seguir nestas zonas abranguen aspectos tales como os accesos, o mobiliario, o alumeado público, os elementos de información e de sinalización ou os propios acabados, cores e materiais empregados á hora de intervir sobre os mesmos.

Marxe de mellora

“Coidemos e mimemos a nosa paisaxe, poñamos en valor Galicia a través de lugares espectaculares como este e fagámolo con estudos, guías e recomendacións que nos axuden a facer unha Galicia mellor”, subliñou a conselleira, que resaltou que a pesar dos “excelentes” miradoiros cos que conta a Comunidade, “tamén hai cousas que mellorar”.

Neste sentido, a guía propón tamén una serie de solucións prácticas para corrixir e optimizar determinados problemas detectados a raíz da análise realizada e cuxa aplicación, como indicou Ángeles Vázquez, resulta de interese a nivel xeral pero tamén e sobre todo para os distintos axentes e administracións que interveñen na identificación, mantemento e divulgación dos miradoiros.

Pola súa parte, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, incidiu en que os miradoiros “non só son enclaves desde onde apreciar unha paisaxe espectacular, senón que adoitan ser, de por si, lugares marabillosos”. “Espero que esta guía sirva para manter ese respecto que todos e cada un dos lugares emblemáticos que hai en Galicia teñen que ter”, engadiu.

Finalmente, o presidente do Padroado da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, felicitou á Consellería pola iniciativa de impulsar unha guía centrada nos miradoiros, un documento moi importante para unha Comunidade “tan rica” en espazos deste tipo como a galega, motivo polo que animou a darlle a maior difusión posible.

Documentos relacionados
Imaxes relacionadas