O certame de cinema Ouff escola recibe máis de 45 traballos na súa XII edición

O secretario xeral de Política Lingüística asiste á entrega de premios deste certame que conta co apoio da Xunta para potenciar a lingua galega no sector audiovisual desde idades temperás

O representante da Xunta visitou tamén o novo centro da Asociación de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) co gallo da presentación do seu proxecto para visibilizar a actividade sociocultural da entidade
 

Ourense, 27 de setembro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na entrega de premios da XII edición do Certame de Cine OUFF Escola organizado pola Concello de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia, no marco do XXVI Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Este concurso ten como obxectivo impulsar o uso do galego entre a mocidade ao tempo que fomenta a creatividade audiovisual, o traballo en equipo e a familiarización coas tecnoloxías da información e da comunicación entre os máis novos.

“É moi importante potenciar a nosa lingua no sector audiovisual desde as idades máis temperás e por iso o traballo que están facendo os Equipos de Dinamización da Lingua Galega e o Festival OUFF de Ourense axúdannos a visibilizar e canalizar todo ese tremendo traballo que se está a facer nos centros educativos e que nos axuda a que o alumnado se afaga a empregar o galego nas tecnoloxías máis modernas”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Canda Valentín García tamén estiveron presentes no acto, conducido polo actor Fernando González desde o Auditorio Municipal de Ourense, os membros do xurado encargado de elixir os gañadores, que seguiron a sesión por streaming.

Medio cento de traballos

Este ano, despois de cancelar a convocatoria do pasado 2020 pola crise derivada da covid-19, o OUFF Escola retomou a súa actividade recibindo 45 novos traballos entre as dúas categorías establecidas nas bases, unha para Infantil e Primaria e outra para os demais niveis de ensino non universitario. En total, 3.000 euros en premios a repartir entre os catro gañadores de cada categoría: 600 euros para o primeiro, 400 para o segundo, 200 para o terceiro e 300 para o Premio Blanco Amor ao Mellor Guión.

O primeiro premio para os participantes da categoría de Infantil e Primaria recibiuno o CPR Galén (Lugo) pola curta Tempos modernos. O segundo e o terceiro premio foron parar, respectivamente, ao CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu), polo seu traballo Dona Landra no río revolto, e ao CEIP Plurilingüe Otero Novas (Cortegada) pola curta O meu barquiño. O Premio Blanco Amor ao Mellor Guión foi para o proxecto 10 euros, do CEIP O Couto (Ourense).

Na categoría destinada a outros niveis de ensino non universitario o gañador foi o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro) pola súa curta Sálvora, que obtén así o seu segundo recoñecemento despois de facerse tamén co primeiro premio no Concurso de Curtas Senda dos Faros, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O segundo premio quedou tamén en Boiro, no IES Praia Barraña, por As derradeiras, e o terceiro foi para o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), polo traballo Fronteiras. O Premio Blanco Amor ao Mellor guión recibiuno Serendipia, do IES de Meaño (Pontevedra). Ademais, o xurado tamén lle outorgou mención especial ao traballo presentado polo Centro Integral de Atención á Discapacidade (CAD) A Pobra, da Pobra do Caramiñal.

Obxectivos do OUFF Escola

O Certame de Cine OUFF Escola enmárcase da liña de traballo da Xunta de Galicia dirixida a promover o cinema como ferramenta de dinamización lingüística entre a mocidade a través do apoio e a posta en marcha de diferentes programas como Nós tamén creamos! ou o Concurso de Curtas Senda dos Faros. Deste xeito, o Goberno galego segue o Plan xeral de normalización da lingua galega, que recolle entre os seus obxectivos o de potenciar, xa desde a escola, a creatividade en lingua galega.

Visita ao novo centro de AFAOR
Aproveitando a súa estadía en Ourense, o secretario xeral de Política Lingüística visitou tamén as novas instalacións da Asociación de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) co gallo da presentación e aceptación do seu proxecto de visibilización da actividade sociocultural levada a cabo dende a entidade, realizado ao abeiro da segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Nesta visita, na que Valentín García puido coñecer de primeira man as actividades socioculturais desenvolvidas a diario en AFAOR, estiveron presentes a presidenta, a secretaria e o xerente da asociación, Mº Dolores Neira, Mº Carmen Pérez e Óscar Doval, respectivamente.