As mozas e mozos de entre 18 e 30 anos poderán solicitar a partir do 18 de outubro 800 bonos: 700 individuais de 30 euros e 100 para grupos valorados en 200 euros
O albergue Bela Muxía acadou axudas por valor de 8000 euros para a realización de proxectos sustentables e accesibles
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á presentación da nova campaña promovida pola Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) para reactivar as estancias de mozos en albergues. A través da campaña ‘Bono Albergues REAJ’ ofreceranse a partir do 18 de outubro 800 bonos para que as mozas e mozos de entre 18 e 30 anos poidan elixir entre as 70 instalacións da súa rede.
No caso concreto de Galicia, os complexos xuvenís adheridos a esta campaña son: Albergue Equal Sociedad Cooperativa Galega (Coles, Ourense), Albergue Bela Muxía, Albergue Monte do Gozo (Santiago de Compostela), Albergue Gandarío (Bergondo), Albergue LUG2 (Lugo) e Albergue O Castro (Vigo).
A través desta campaña poñeranse á disposición da xuventude 700 bonos individuais de 30 euros e 100 para grupos valorados en 200 euros cada un. Unha iniciativa dirixida a reactivar un sector que sufriu as consecuencias da crise socioeconómica provocada pola covid-19 e a dar a coñecer á mocidade a rede de albergues de España.
Carné de alberguista gratuíto
Cómpre destacar que todo aquel que solicite o ‘Bono Albergues REAJ’ recibirá de forma gratuíta o Carné REAJ de Alberguista. Un carné co que os usuarios terán acceso aos máis de 300 albergues repartidos por toda España, aos máis de 4.000 por todo o mundo de Hostelling International, así como a participar nos diferentes programas que se realizan ao longo do ano e desfrutar de miles de interesantes descontos nacionais e internacionais.
Neste sentido, a directora xeral lembrou que en Galicia, co Carné Xove activado tamén se pode obter, de xeito gratuíto, o carné de alberguista en calquera dos puntos postos a disposición.
Axudas para a sustentabilidade e a accesibilidade
Cristina Pichel sinalou que o albergue Bela Muxía, que está incluído dentro desta rede, acadou axudas por un valor de 8000 euros para a realización de proxectos sustentables e accesibles. Unhas actuacións que permitiron converter estas instalacións, sinalou, nun entorno inclusivo, sustentable e referente en toda a comarca.