A Xunta amplía a súa oferta para o mes da ciencia en galego co programa ‘Novembro Estelar’
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe esta iniciativa que inclúe dúas charlas sobre ciencia e arte
A proposta, da escritora e comunicadora de ciencia Estíbaliz Espinosa, inclúe tamén a publicación dun videopoema e un audiolibro de ciencia, música e lingua galega
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto que acolleu o Pazo de San Roque de presentación da nova iniciativa que amplía a oferta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o Mes da Ciencia en galego. A proposta Novembro Estelar: ciencia e letras en galego, da escritora e comunicadora de ciencia Estíbaliz Espinosa é un diálogo entre ciencia, arte, música e literatura que estará proximamente a disposición da cidadanía a través do Portal da Lingua Galega en forma de charlas e audiovisuais.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade recordou que a ciencia “tamén é cultura e non teñen sentido eses compartimentos estancos en que ás veces convertemos as ciencias e as letras, nin tampouco os compartimentos en que ás veces encerramos as linguas, dicindo que unhas son válidas para unha cousa e outras para outra”. Ao respecto, Valentín García insistiu en que todas as linguas “teñen a posibilidade de expresar calquera mensaxe de calquera ámbito e a nosa cultivouse abondo nos últimos anos como para desenvolver totalmente esa potencialidade no campo científico”.
Ciencia, arte e literatura en galego
Novembro Estelar comezará o vindeiro 8 de novembro ás 12,30 h. coa charla Ciencia e Arte en galego e en Galicia. Nela acompañarán a Estíbaliz Espinosa no Museo Gaiás da Cidade da Cultura o comisario de arte Miguel Ángel Cajigal, coñecido profesionalmente como El Barroquista, e a científica galega e directora do Campus Innova da UDC, Susana Landra.
A segunda sesión, Novos ollos ao Universo, terá lugar o 13 de novembro ás 19,30 h. desde o Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, onde Estíbaliz Espinosa conversará coa astrofísica Begoña Vilas Costas.
Ambas as dúas charlas, que versarán sobre a interacción entre ciencias, arte e humanidades, así como sobre a situación da ciencia en galego, serán a porta pechada e retransmitidas en directo a través do Portal da Lingua Galega.
Ademais, este proxecto completarase coa publicación de dous produtos audiovisuais aos que se poderá acceder tamén a través do Portal da Lingua. O primeiro deles é o videopoema No xardín nocturno de Antonia, inspirado na figura sobranceira da astrónoma galega Antonia Ferrín Moreiras, con poemas de Estíbalez Espinosa e dirección de Juan Lesta. O segundo é o audiolibro Aquel astro con sentido, que recompila unha antoloxía de poemas da autoría de Espinosa, algúns deles inéditos, no que de novo queda patente que a ciencia en galego ten pulo e tanto a arte como a literatura dialogan con ela axudando no seu avance.
Mes da Ciencia en galego
Esta iniciativa súmase á oferta que a Xunta de Galicia puxo en marcha co gallo do Mes da Ciencia en galego en bibliotecas e centros escolares de toda Galicia, fundamentalmente, e aos recursos de diferente índole que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ofrece, a través do Portal da Lingua Galega, en relación coa ciencia en galego.