Lorenzana destaca en Baiona o apoio da Xunta ao emprendemento xuvenil e anuncia para 2022 a posta en marcha do Plan Emprega Xuventude con 51,8 M€

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na localidade pontevedresa na gala do XVI Premio Joven Emprendedor y Joven Empresario organizada por Aje Vigo

Emprega Xuventude impulsará a cualificación profesional dos máis novos, ao tempo que promoverá a contratación, ofrecendo novas posibilidades de inserción laboral

Lorenzana sinala que en 2022 sentaranse as bases para a definición dunha nova Estratexia do emprego autónomo na que se refozarán as axudas para apoiar o inicio de actividade e a consolidación dos negocios

Activarase cun millón de euros o novo programa Empresa Dixital para prestar apoio ás pequenas empresas na súa adaptación aos cambios tecnolóxicos e á transformación dixital

Baiona (Pontevedra), 18 de novembro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Baiona o apoio da Administración galega ao emprendemento xuvenil na gala do XVI Premio Joven Emprendedor y Joven Empresario, que convoca cada ano a asociación Jóvenes Empresarios de Vigo (Aje). Lorenzana sinalou que os emprendedores, como os premiados hoxe, son “un exemplo e inspiración” de un emprendemento que se compromete co desenvolvemento socioeconómico de Galicia e fomenta o talento empresarial entre a mocidade galega.
A titular de Emprego e Igualdade apuntou que o emprendemento está a ser clave na recuperación do tecido empresarial galego durante a covid-19: só o 4% dos futuros emprendedores abandonaron o seu plan emprendedor nos momentos máis duros da pandemia, mentres que o 45% optou por reorientar o seu modelo de negocio e seguir adiante, segundo so datos do informe GEM-Galicia 2019-2020. Así, Lorenzana indicou a necesidade de seguir avanzando en políticas públicas que protexan e impulsen o emprendemento e o emprego xuvenil. “A nosa mocidade é un piar da Galicia dun presente e que pensa no futuro”, engadiu.
No eido laboral, avanzou que en 2022 porase en marcha o Plan Emprega Xuventude que, dotado con 51,8 millóns de euros, impulsará a cualificación profesional dos máis novos, ao tempo que promoverá a contratación, ofrecendo novas posibilidades de inserción laboral.
No campo do emprendemento, a conselleira afirmou que en 2022 sentaranse as bases para a definición dunha nova Estratexia do emprego autónomo de Galicia coa que se reforzarán as axudas dirixidas ao inicio da actividade por conta propia e as destinadas a apoiar a continuidade e consolidación do emprego autónomo. Neste senso, Lorenzana anunciou que o próximo ano desenvolverase o novo programa Empresa Dixital que cun millón de euros prestará apoio ás pequenas empresas na súa adaptación aos cambios tecnolóxicos e á transformación dixital.
Para rematar, a titular do departamento autonómico agradeceu a AJE-Vigo o seu laboral para visibilizar iniciativas de alto valor engadido e perspectiva de futuro e polo seu traballo diario no impulso do talento emprendedor entre a mocidade galega.
 

Imaxes relacionadas