TELEA incorporará un novo perfil de seguimento para os pacientes que precisen de diálise domiciliaria no primeiro trimestre de 2022

A plataforma permitirá o envío automatizado das variables clínicas e as alertas xeradas polos dispositivos de diálise domiciliaria

A aposta da Xunta polas novas tecnoloxías e a telemedicina posibilitou que durante o presente ano xa se superasen as 77.700 interconsultas electrónicas na especialidade de Nefroloxía

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu esta tarde en Vigo o sétimo Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía, no que anunciou a inminente incorporación dun novo perfil na Plataforma tecnolóxica de teleasistencia domiciliaria (TELEA), que permitirá levar a cabo o seguimento dos pacientes que precisen de diálise domiciliaria, desde o primeiro trimestre do ano 2022.
A plataforma TELEA permite na actualidade implementar un seguimento diario a máis 6.000 de pacientes con máis de 15 patoloxías crónicas. Unha cifra, á que hai que engadir o conxunto de casos covid activos, e os seus respectivos contactos estreitos, aos que se lles oferta un canal electrónico de comunicación.
No que atinxe á Nefroloxía, o departamento sanitario da Xunta de Galicia está a traballar na incorporación dun perfil específico para a diálise domiciliaria, co obxectivo de que estea dispoñible, en modo de proba, durante o primeiro trimestre do ano 2022.
Neste sentido, cómpre sinalar que a integración das variables desde o dispositivo á plataforma será automática, polo que o doente non terá facer un rexistro manual da información. Deste xeito, o profesional que se encarga de supervisar aos pacientes en hemodiálise domiciliaria poderá dispor de informes periódicos que resuman a evolución das sesións efectuadas durante o período de tempo marcado.
A aposta da Xunta de Galicia polas novas tecnoloxías e a telemedicina posibilitou que, durante o presente ano, xa se superasen as 77.700 interconsultas electrónicas na especialidade de Nefroloxía, das que, preto de 32.000, se producen entre primaria e hospital.
O titular de Sanidade salientou que “o obxectivo é achegar o tratamento ao lugar onde viven os pacientes, diminuíndo, así, todos os contratempos do desprazamento”. Así, desde febreiro de 2020, a nosa comunidade dispón de dous centros autonómicos de referencia -en Vigo e en Santiago- para a realización das técnicas de depuración renal extracorpórea en menores. Concretamente, de diálise peritoneal, hemodiálise convencional e intensiva, hemodiafiltración online e plasmaférise por plasmafiltración.

Nesta mesma liña de ampliación dos servizos asistenciais galegos, García Comesaña pechou a súa intervención no Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía, remarcando que a Xunta de Galicia continúa coa firme aposta de mellorar a vida dos pacientes do Servizo Galego de Saúde, e para isto, avanzou a incorporaración dos servizos de hemodiálise nos novos centros integrais de saúde que se erguerán en Lalín e Carballo.
 

Imaxes relacionadas