O conselleiro de Sanidade saúda aos 14 primeiros técnicos de saúde de atención primaria contratados polo Sergas que hoxe inician a súa actividade

As axendas destes profesionais foronse echendo cos pacientes que deron positivo dende onte as 00,00 horas

A súa centralización permitirá que este recurso poida ser dirixido a aqueles cupos onde máis se necesite

No Sergas xa existen técnicos de saúde. En concreto hai dez destes profesionais traballando en atención primaria, dos cales nove son propietarios da súa praza dende xuño de 2005 e un interino dende abril de 2009
 

A Estrada (Pontevedra) 21 de febreiro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, saudou hoxe aos, inicialmente, 14 primeiros técnicos de saúde de atención primaria contratados polo Sergas, que comezan a realizar tarefas de apoio aos médicos do primeiro nivel asistencial, tal e como se comprometera o titular da carteira sanitaria do Executivo galego no Parlamento autonómico.
Estes profesionais desenvolverán o seu labor de forma centralizada nas instalacións do Centro de Atención Integral ás Emerxencias, no Concello da Estrada. O horario de traballo farase nunha quenda de mañá (de 8 horas a 15 horas) e outra de tarde (de 15 horas a 22 horas), o que permitirá dar soporte ao conxunto dos profesionais dos centros de saúde.
As axendas destes profesionais foronse echendo cos pacientes que deron positivo dende onte ás 00,00 horas.
Dentro das actividades que realizarán estes técnicos están as de seguimento dos pacientes covid positivos, a tramitación das baixas e altas das persoas asintomáticas e a atención telefónica para responder a demandas de información relacionadas co coronavirus.
Tamén colaborarán no seguimento dos pacientes positivos covid mediante a plataforma tecnolóxica Telea, informaranlles dos resultados das súas probas de covid-19, realizarán o seguimento de pacientes en incapacidade temporal por outras continxencias comúns, renovarán receitas para tratamentos crónicos, e realizarán informes médicos autorizados, entre outras tarefas.
Estes técnicos contarán cun listado de traballo diario e darán soporte ao conxunto dos profesionais de atención primaria en determinados procedementos que teñen unha importante carga burocrática. A súa centralización permitirá que este recurso poida ser dirixido a aqueles cupos onde máis se necesite.
Sinalar que no Sergas xa existen técnicos de saúde. En concreto hai dez destes profesionais traballando en atención primaria, dos cales nove son propietarios da súa praza dende xuño de 2005 e un interino dende abril de 2009.
 

Imaxes relacionadas