Galicia avanza na extensión da oitava área sanitaria coa dotación da infraestrutura tecnolóxica en atención primaria e hospitalaria

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego destaca a implantación da historia clínica electrónica intelixente, a plataforma tecnolóxica para desburocratizar a actividade asistencial e a rede de centros de saúde intelixentes como proxectos prioritarios na transformación dixital da atención primaria

O conselleiro de Sanidade participa na xornada de inauguración do XXV Congreso Nacional de Información da Saúde: “Compartindo datos, información e coñecemento en saúde
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe os avances da nosa Comunidade Autónoma na extensión da oitava área sanitaria coa dotación da infraestrutura tecnolóxica en atención primaria e hospitalaria. Así o fixo no acto de inauguración do XXV Congreso Nacional de Información da Saúde: “Compartindo datos, información e coñecemento en saúde”, no que participou de xeito telemático. Tal e como remarcou o conselleiro, trátase dunha área fundamentalmente dixital, que sirve de apoio ás outras sete áreas territoriais.

Obxectivos da transformación dixital

Na súa intervención, o máximo responsable sanitario galego, ao abeiro do desenvolvemento da oitava área sanitaria dixital, remarcou o compromiso da Xunta de Galicia na renovación da infraestrutura tecnolóxica de atención primaria, na que están fixadas varias liñas de actuación. Ao respecto destacou que se avanza cara a unha historia clínica que permita comportamentos intelixentes e proactivos e que proporcione a información necesaria para medir os resultados en saúde e a percepción da cidadanía. Ademais, debe permitir avanzar na integración efectiva de toda a información xestionada en todos os niveis de atención, posibilitando ferramentas colaborativas para que os profesionais se comuniquen e consoliden a información transmitida.

Outros dos obxectivos cara ao que se encamiña a transformación dixital en primaria é á evolución das plataformas de teleasistencia e autocoidado para permitir unha virtualización da asistencia sanitaria segura, eficaz e accesible que complemente as actuacións presenciais e mellore o actual modelo. Tamén citou o conselleiro como obxectivo a implantación dunha plataforma de relación coa cidadanía que mellore os servizos dixitais en saúde e desburocratice a actividade asistencial.

A transformación dixital da que falou hoxe o conselleiro no primeiro nivel asistencial tamén se encamiña ao desenvolvemento dun sistema de predición e xestión da demanda en tempo real, que permita anticipar o volume de traballo nos centros de saúde, e á extensión dunha rede de centros de saúde intelixentes.

Novo modelo asistencial

A oitava área sanitaria é unha infraestrutura enfocada á investigación e a sanidade pública que permita que os profesionais e investigadores poidan acceder a toda a información clínica relevante que se produce no Sergas de forma anonimizada. Máis de 400.000.000 de actos clínicos, máis de 600.000.000 de dispensacións de medicamentos, e máis de 2.000.000.000 de imaxes clínicas. Unha área sanitaria orientada cara a un novo modelo asistencial personalizado, preditivo, preventivo e participativo e cun forte compoñente de investigación.

Tamén se concreta a oitava área sanitaria na implantación da historia clínica intelixente; no despregamento da teleconsulta en toda a atención primaria e hospitalaria, e da carpeta de saúde do paciente que permita comunicar ao cidadán os seus propios datos á institución sanitaria. Tamén no despregamento dunha central de imaxe médica que permita o diagnóstico dende hospitais distintos ao lugar onde é atendido o paciente, ou no impulso ao diagnóstico por imaxe en anatomía patolóxica e o desenvolvemento dun sistema de identificación de brotes.

Xunto ao anteriormente sinalado, o conselleiro dixo que a área de saúde dixital concrétase na adquisición e despregamento dunha plataforma de xestión das UCI en rede e quirófanos intelixentes en todas as áreas de saúde; na extensión dun sistema de información integrado e normalizado de probas de laboratorio; no desenvolvemento de tecnoloxía para a planificación de recursos, análises e simulación de procesos clínicos e administrativos; e, ademais, na integración dos sistemas de información co ecosistema nacional e europeo de intercambio de información clínica.

O conselleiro de Sanidade rematou a súa intervención sinalando que, dende hai anos, o Servizo Galego de Saúde está considerado como un referente en saúde dixital. Así, a tecnoloxía está a permitir cambiar a forma de facer as cousas no Sergas para facelo máis eficiente, para mellorar e optimizar os procesos e para facilitar o traballo dos profesionais.