A Xunta completa a substitución das cubertas nas instalacións do CAPD de Sarria, nas que investiu máis de 452.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron o centro, onde tamén se acondicionou recentemente a explanada de acceso

Sarria (Lugo), 29 de marzo de 2022

A Consellería de Política Social vén de rematar as obras de substitución das cubertas do edificio principal e o pavillón polideportivo do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria, nas que investiu 452.200 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron hoxe as instalacións para comprobar as últimas reformas realizadas, que inclúen tamén o acondicionamento da explanada de acceso, cun orzamento de 42.200 euros. Estiveron acompañados polo xefe territorial de Política Social en Lugo, Javier Vázquez Nodal, e o director do CAPD, Luis Pardo, entre outros.

Os responsables autonómicos explicaron que nos últimos meses tamén se destinaron 20.800 euros a obras menores e adquisición de equipamento, entre elas a impermeabilización da terraza, a instalación de portas automáticas no acceso ao centro para poder illar dous espazos diferenciados a causa da Covid-19, a colocación de seis bancos no xardín, e a adquisición dun autoclave, unha termoselladora e diverso mobiliario.

Arias gabou a profesionalidade do persoal e destacou “o compromiso da consellería de Política Social coa mellora constante das infraestruturas e as dotacións, para garantir a funcionalidade do centro e o confort de usuarios e traballadores”.

Na mesma liña, González Abeijón lembrou que a Xunta reforzou o gasto social no presente exercicio, reservando 6,1 millóns de euros para obras de mellora en centros residenciais da provincia de Lugo.


 

Imaxes relacionadas