Luis López anuncia que a Xunta considera Vilagarcía de Arousa “concello prioritario” para a formación, a inserción e a creación de emprego
O delegado territorial clausura o obradoiro de emprego dual Forme 2021 tras nove meses de formación en Atención Sociosanitaria en Domicilio e Teleasistencia e Mantemento de Redes Eléctricas e Sistemas Domóticos e Inmóticos
A iniciativa laboral, que mellorou a empregabilidade dos 20 participantes, contou cun investimento de 350.000€ e se enmarca nos 1,8 millóns que adicou o Goberno galego aos cinco obradoiros da bisbarra do Salnés
O representante autonómico destaca que o Goberno galego destinou máis de 2,5 millóns de euros nos tres últimos anos a formación laboral na capital arousana entre obradoiros de emprego, programas integrados e cursos AFD
“Vilagarcía de Arousa e a comarca do Salnés son un dos motores económicos da provincia e por iso estamos destinando numerosos recursos para mellorar a empregabilidade dos seus veciños. Na comarca desenvolvimos nos últimos meses cinco obradoiros de emprego e preto de 50 cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) e, só na capital arousana, levamos investido máis de 2,5 millóns de euros nos últimos tres anos nesta materia entre talleres, programas integrados ou formación para desempregados”, detallou o representante autonómico.
O delegado territorial informou de todas estas accións da Xunta a prol da xeración de postos de traballo no acto oficial de clausura do obradoiro de emprego dual Forme 2021, que se celebrou esta mañá na sede formativa e no que estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Alba Briones.
Esta iniciativa laboral autonómica, financiada con 350.000 euros por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, formou a unha vintena de persoas desempregadas durante os últimos nove meses nos módulos de Atención Sociosanitaria en Domicilio e Teleasistencia e Mantemento de Redes Eléctricas e Sistemas Domóticos e Inmóticos.
No acto de clausura, Luis López procedeu á entrega dos diplomas acreditativos xunto cos representantes municipais e o director do obradoiro, Enrique Ferreiro, e trasladou, en nome da Xunta, os parabéns aos vinte alumnos-traballadores “por aproveitar estes nove meses de formación, por mellorar a vosa empregabilidade en dous sectores con boas perspectivas laborais, por obter unha remuneración nestes difíciles meses entre o final da pandemia e a situación de inflación e por contribuír ao beneficio social cos servizos e infraestruturas públicos que se prestaron ao abeiro do plan formativo”.
Nestas datas estanse a clausurar os distintos obradoiros de emprego financiados pola Xunta de Galicia na bisbarra do Salnés tras o celebrado a semana pasada no Grove e o de hoxe na capital comarcal. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concedeu cinco iniciativas laborais destas características, catro en formato dual e un xuvenil, cun investimento de 1,8 millóns de euros para formar a preto dun cento de persoas desempregadas.