Guntín xa conta cun campo de fútbol máis accesible e con mellores servizos grazas ao convenio de colaboración coa Xunta

O importe total das obras do campo de fútbol foi de preto de 50.000 euros, dos cales a Secretaría Xeral para o Deporte achegou o 80% do total

Guntín (Lugo), 1 de agosto de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou as instalacións do campo de fútbol do Concello de Guntín, en Lugo a tenor do convenio de colaboración asinado co concello no ano 2021 por importe preto de 50.000 euros.

O mandatario galego, da man da alcaldesa de Guntín, María José Gómez Rodríguez, supervisou o resultado das obras levadas a cabo tanto na fachada da bancada, que foi arranxada, a reposición do muro de peche perimetral nun dos seus laterais, o acondicionamento dos vestiarios existentes, a construción dun anexo para a creación dun baño e unha cantina, así como a execución dunha rampla adaptada que da acceso á bancada e as instalacións do campo de fútbol, co obxecto de facelo máis accesible. Cabe salientar que coa devandita reforma veranse beneficiadas as escolas e clubs deportivos do municipio coma o Club Deportivo Guntín, que xoga como local neste campo de fútbol.

O importe total da actuación foi de 48.397,92 euros, cunha achega da Secretaría Xeral para o Deporte de 38.720,00 euros (o 80% do total), e os restantes 9.677,92 euros (o 20%) por parte do Concello de Guntín.

A Xunta de Galicia continua coa súa decida aposta pola remodelación das instalacións deportivas do territorio galego, co obxectivo de facelas máis accesibles, e en consonancia coas súas políticas de fomento do deporte e a actividade física na poboación e na promoción do deporte base.

Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.

Imaxes relacionadas