A Xunta colabora coa feira da xuventude da Estrada para ofrecer unha programación con máis de 60 actividades

Este sábado e domingo celebraranse no pavillón Coto Ferreiro e o estadio Manuel Regueiro do municipio charlas, talleres e actividades deportivas, entre outras accións

A Estrada (Pontevedra), 19 de setembro de 2022.- A Xunta de Galicia colabora coa Feira de Xuventude da Estrada para ofrecer unha programación con máis de 60 accións. Durante este fin de semana organízase a segunda edición deste evento que contará con medio cento de postos para que as asociacións xuvenís poidan dar conta da súa actividade.

 

A Feira da Xuventude, promovida pola asociación estradense Ocionautas, agarda ter entre sábado e domingo máis de 200 mozos participantes. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe na presentación da cita, que se puxo en marcha por primeira vez no 2019 e que agora se retoma despois da pandemia pola covid-19.

 

Cristina Pichel animou a todo o mundo a pasarse por esta Feira posto que é unha oportunidade para que as mozas e mozos galegos coñezan colectivos que traballan en áreas do seu interese como a cultura, a moda, o deporte, o medioambiente, entre moitos outras.

 

Ademais, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado deulle os parabéns á asociación Ocionautas pola organización deste evento e animou ás mozas e mozos a promover iniciativas como esta que pretenden impulsar o talento e os proxectos que son creados e protagonizados pola mocidade galega.