Nesta edición serán máis de 130 os mentores que apoiarán aos participantes desta iniciativa na que o Goberno galego destina 500.000 euros
Durante tres meses, os mozos e mozas recibirán asesoramento de expertos e des-frutarán de diferentes actividades, como visitas a empresas, para axudarlles a im-pulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades laborais
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022 A Xunta pon en marcha unha xornada de formación para os mentores do programa Xuventude Mentoring, que está a punto de comezar a súa segunda edición. Esta iniciativa, que procura facilitarlle á mocidade asesoramento, formación e oportunidades laborais, contará de novo coa colaboración do Consorcio Interuniversitario de Galicia (Cixug) e as tres universidades galegas.
Nesta edición serán máis de 130 os mentores que apoiarán aos participantes desta proposta na que o Goberno galego inviste 500.000 euros, cofinanciados pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e polo Fondo Social Europeo. Está dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que acaban de rematar os seus estudos para facer posible unha efectiva transición da vida académica ao mercado laboral.
A través desta xornada de formación, que se celebra na Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia achega aos mentores estratexias para impulsar as competencias e potencialidades dos participantes. Para iso, conta coa participación no evento de María Luisa de Miguel, comunicadora con recoñecemento internacional e varios libros publicados en materia de mentoring.
Dobre finalidade
Co Xuventude Mentoring a Xunta procura traballar nunha dobre finalidade. Por un lado, facilitarlle á mocidade unha completa programación con apoio directo de expertos, empresarios e profesionais con experiencia, que actuarán como mentores para optimizar a procura de emprego e adquirir aquelas habilidades que máis se están a demandar. E por outro, amosarlles ás empresas todas as capacidades e o talento que posúe a xuventude galega.
Durante tres meses recibirán formación, asesoramento e desfrutarán de diferentes actividades, como visitas a empresas ou conferencias, para axudarlles a impulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades laborais.
O Goberno galego traballa nesta iniciativa co Cixug para que esta transición sexa acorde non só ás demandas e necesidades laborais, senón tamén se axuste á realidade académica. Así mesmo, o programa está aberto á participación de máis entidades sociais, empresas, asociacións empresariais ou clústeres, a través da firma dun modelo de adhesión como entidade colaboradora en materia de difusión e promoción do programa, achega de mentores e/ou colaboración nas actividades formativas e de capacitación.