O secretario xeral da Emigración visitou esta asociación galegobrasileira destacando a colaboración anual con esta entidade para contribuír ao financiamento da asistencia ás persoas galegas acollidas no seu centro de día, que en 2022 superou os 13.000 euros
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou as instalacións coas que conta a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo, destacando durante este percorrido a súa labor entregada no apoio aos maiores galegos con necesidades socioasistenciais e no fomento da galeguidade entre os socios da entidade. Miranda recordou que a Xunta de Galicia colabora “nesta labor esencial para os nosos galegos”, apoiando o financiamento do centro de día.
Deste xeito, a administración autonómica, colabora anualmente con esta entidade, que en 2022 superou os 13.000 euros, e cos que se axuda ao financiamento da asistencia ás persoas galegas con necesidades básicas socio sanitarias.
A Sociedade Beneficiente Rosalía de Castro de Sâu Paulo é unha entidade sen ánimo de lucro, que posúe un centro de asistencia social inaugurado en febreiro de 1983, que ten como unha das súas actividades primordiais a prestación de atención social á colectividade de emigrantes galegos e os seus descendentes residentes en Sâo Paulo e municipios limítrofes. Na actualidade conta cuns 20 usuarios galegos.
Durante esta visita, o secretario xeral recordou que o departamento que dirixe leva anos colaborando con este fogar co obxectivo de contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente en Brasil e que estean a pasar dificultades vitais. “Especialmente é importante esta atención no caso dos máis maiores. O noso interese radica na pretensión de mellorar a súa saúde, o seu benestar social e a súa calidade de vida”, engadiu Rodríguez Miranda.
Na cidade de Sao Paulo reside unha importante colonia de persoas de orixe galega dentro das case 50.000 persoas que conforman a colectividade no país americano. De feito, Brasil é a segunda nación, tras Arxentina, con maior número de galegos residentes na actualidade.