O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou nesta cita celebrada en Oviedo
Destacou os piares básicos que sustentan o modelo galego: a formación continua e a humanización, as novas tecnoloxías, a coordinación sociosanitaria e as melloras arquitectónicas
Oviedo, 20 de novembro de 2022 O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, expuxo o novo modelo de residencias que está a promover a Xunta de Galicia na V Jornada Humanización: Modelos de Coordinación Sociosanitaria, organizada en Oviedo pola Asociación de Centros Geriátricos del Principado de Asturias.
A cita, que contou tanto coa participación de directores xerais de Asturias e Navarra, como con expertos en xerontología, está dirixida a profesionais deste campo que traballan en residencias e outros tipos de centros de atención a persoas maiores.
Antón Acevedo foi un dos conferenciantes da xornada e durante a súa intervención puxo en valor o novo modelo de residencias que xa se está a aplicar nos centros galegos e que conta con catro piares básicos: a formación continua e a humanización, as novas tecnoloxías, a coordinación sociosanitaria e as melloras arquitectónicas.
Nesta liña, explicou que en Galicia xa se están a incorporar importantes avances que facilitan o traballo dos profesionais e melloran o benestar dos usuarios con novas medidas como monitores multiparamétricos ou habitacións intelixentes con sensores que avisan se unha persoa sufre unha caída ou deambula pola noite.