Fernández-Tapias anuncia a apertura do ciclo ‘Concertos na Esencia do Camiño’ do programa Xacobeo na Concatedral de Vigo coa Banda de Gaitas

A delegada territorial da Xunta salienta a iniciativa da programación que levará tamén a música e a iluminación ata Tui, Baiona, Oia e Pontevedra

Vigo, 30 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores o ciclo “Concertos na Esencia do Camiño” que levará a música da Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra a cinco recintos espirituais simbólicos no percorrido da ruta xacobea.

 

Acompañada polo bispo da Diócese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, e polo director da Banda de Gaitas, Hipólito Cabezas, a representante autonómica avanzou que o vindeiro domingo, 4 de decembro (20:00 horas), a Basílica-Concatedral de Santa María de Vigo acollerá a primeira das actuacións.

 

“Esta iniciativa sobre música e Camiño no Ano Santo completa unha programación que abarcou todos os campos, desde a cultura ata a faceta social, pasando polas iniciativas deportivas, e agora poñendo en valor o significado xacobeo e a súa espiritualidade  a través da música e da iluminación artística”, sinalou.

 

Pola súa banda, o bispo Luis Quinteiro apuntou que a iniciativa recolle “a verdadeira esencia do camiño, nunha perspectiva dende os inicios, cando os peregrinos dirixíanse a Santiago na procura da fe e atopaban nas igrexas do camiño, axuda, morada, abrigo e comida”.

 

Tras o concerto en Vigo este domingo, o ciclo tamén se desprazará ata a igrexa de Santa María de Baiona, a Santa Domingo de Tui, ao Mosteiro de Oia e á Basílica de Santa María de Pontevedra. No caso de Vigo haberá unha proxección na pedra de vídeo e poemas do camiño de Santiago. Xunto á Banda de Gaitas, actuará Noelia Álvarez, o tenor Fausto López e o coro Allegro de Vigo.

 

Hipólito Cabezas sinalou que o concerto estará composto de melodías de gran parte dos camiños, Portugués e Francés, marchas procesionais e alzamentos, xunto a temas actuais como o Hallelujah de Leonard Cohen, ou o tema Gabriel´s Oboe da Banda sonora da película “La misión” de Ennio Morricone.

 

Imaxes relacionadas