Xunta de Galicia

Medio Ambiente achegou máis de 2,5 millóns de euros para estas infraestruturas

A Xunta de Galicia entrega ao concello de Silleda as obras rematadas dos colectores xerais e a nova depuradora de Bandeira

O municipio recibe as obras pero non a explotación que a contrata debe seguir desenvolvendo dous anos máis, contando dende xaneiro, data na que se puxeron en servizo as infraestruturas hidráulicas

A nova rede de colectores proxectada ata a EDAR de Bandeira contempla a recollida e depuración de residuais das parroquias de Manduas, Chapa e Lamela

A EDAR de Bandeira sitúase nunha parcela de superficie útil 2.161 m² da parroquia de Lamela a carón do río Cervañiña, na que se fixeron recheos para protexer as instalacións das crecidas

Santiago, 20 de xuño de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de entregar as obras rematadas dos colectores xerais e a nova estación depuradora de Bandeira, en Silleda. A Xunta de Galicia realizou un investimento de máis de 2,5 millóns de euros para a execución destas infraestruturas.

Cómpre sinalar que o Concello de Silleda recibe as obras pero a explotación debe seguir desenvolvéndoa a contrata dous anos máis, contando dende xaneiro, data na que se puxeron en servizo as infraestruturas hidráulicas.

A nova rede de colectores proxectada ata a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Bandeira contempla a recollida e depuración de residuais das parroquias de Manduas, Chapa e Lamela.

No que se refire á rede de colectores, os depósitos principais e ramais por gravidade levan as augas finalmente á nova EDAR a través dun total de 748 m de tubería de formigón armado.

A estación de bombeo ubicouse na parroquia de Chapa, permitindo elevar as augas ata A Moa, ao norte de Bandeira, a través dunha impulsión en PVC de 1.240 m de lonxitude.

A EDAR de Bandeira sitúase nunha parcela de superficie útil 2.161 m² da parroquia de Lamela a carón do río Cervañiña, na que se fixeron recheos para protexer as instalacións das crecidas. A depuradora ten capacidade para 2.000 habitantes, caudal medio 5,8 l/s, máximo 120 m³/h en pretratamento e 50 m³/h no resto da liña.
 

  • whatsapp