A Xunta lanza dous libros e un catálogo coa obra dos gañadores do ‘Xuventude Crea 2010’

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado puxo en marcha o ‘Circuíto de Creatividade 2011’ para dar a coñecer as obras dos participantes neste certame

Betanzos (A Coruña), 23 de setembro de 2011
Compartir
  • whatsapp

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, presentou hoxe en Betanzos (A Coruña) os libros e o catálogo que recollen as obras premiadas no ‘Xuventude Crea 2010’, un certame de creadores novos que permite que os mozos e mozas expresen a súa inquedanza artística, individual e colectiva.

No ámbito da creatividade, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado puxo en marcha este ano o “Circuíto de Creatividade 2011” para dar a coñecer as obras dos participantes do ‘Xuventude Crea’, con exposicións itinerantes das obras gañadoras. Do mesmo xeito, este departamento autonómico pretende dar a coñecer as obras gañadoras das diferentes especialidades do certame mediante unhas publicacións que serán obxecto da maior difusión posible.

Por iso hoxe presentáronse os dous libros, un pola especialidade de relato e outro pola especialidade de poesía. Na especialidade de relato, o libro recolle unha selección das catro obras premiadas, cun pequeno currículo dos autores: ‘Xetréceme’ do vigués Enrique Bernárdez (1º premio); ‘Barlovento’, de Lorena Riveiro Rodríguez, veciña de Boiro (2º premio); e ‘O día que voltou a moda dos dinosaurios’, da ourensá Elena Rojo e ‘O derradeiro lobo cerval’ de Tito Pérez, natural da Coruña (3º premio compartido).

As obras premiadas na especialidade de poesía están recollidas nun segundo libro, publicación que reflicte unha selección das obras, acompañadas dunha pequena referencia ao seu autor. Así temos, ‘Crac’ do coruñés Gonzalo Hermo (1º premio); ‘Terapia guestáltica’ do lugués Jacobo Llamas (2º premio); e ‘Código morse’, de Cecilia Parra, natural de Ourense, e ‘Pop’ do santiagués Roi Vidal (3º premio compartido).

Catálogo
Xunto a estas dúas publicacións, presentarase un catálogo que recolle as obras gañadoras nas especialidades de artes plásticas, carteis, deseño de xoias, graffiti, música, teatro e videocreación. Este catálogo contén o currículo dos gañadores, así como unha ilustración da obra.

Na especialidade de artes plásticas, as obras gañadoras foron ‘Nova Babilonia’ de Miguel Cuba (1º premio); ‘ST’ de Sheila Pazos (2º premio); e ‘Brain storm’ de Pablo Rodríguez Barreiro e ‘Suspensións’ de Marta González Suárez (3º premio compartido).

Na modalidade de carteis, o 1º premio foi para María Pena Vázquez pola obra ‘Cambiar o principio’; o 2º premio para Nuria Díaz Berrido pola obra ‘Noitiñas de verán’, e o 3º premio pola obra ‘Únete á banda’ para Brais Rodríguez Verde.

Seguindo coa especialidade de graffiti, os gañadores foron Alejandro Castro Rey coa obra ‘....Heads and shoulder, knees andtoes, Knees and toes....’ (1º premio); Lucas Ricoy Castro por ‘Borralla mental’ (2º premio) e Brais Rodríguez Trigo por ‘Graffiti e natureza’ e Cristian Diamante Aguilar por ‘ti que cres?’ (3º premio compartido).

No apartado de deseño de xoias, a publicación recolle as obras de Eva Soto Conde por ‘A xoia do coleccionista’ (1º premio); Rebeca Abadía Gil por ‘Entroido rolo’ (2º premio), e Damián Alonso Ares por ‘Movementos sobre a terra’ (3º premio).

Na especialidade de música os gañadores foron Miguel Ángel Alonso Fernández (1º premio), Projecto Trepia (2º premio) e Aida Alonso Iglesias (3º premio).

Na categoría de teatro os grupos teatrais gañadores foron Mequetrefes Teatro coa obra ‘In – comunicando’ (1º premio); Non si? Teatro, pola obra ‘Xogando Shakespeare’ (2º premio); e o 3º premio compartido entre a Asociación Cultural Bicodogrelo por ‘Matilde’ e Teatro da falúa por ‘The Faluas’s Rocky Horror Show’.

Finalmente, a publicación recolle unhas imaxes das obras gañadoras na especialidade de videocreación, que foron ‘....de tripas corazón’ de Sofía Grandío Barrio (1º premio); ‘Concerto almorzo’ de Diego Boullosa Pintos (2º premio); e o 3º premio compartido entre Cristina Ferreiro Real pola obra ‘Así non se pace feliz’ e Pablo González Muñiz por ‘Rew’.