Xunta de Galicia

O Cetmar participa nun proxecto europeo para mitigar o impacto na industria e nos consumidores dos parasitos que afectan aos produtos da pesca

Vigo, 6 de febreiro de 2013.- Mitigar o impacto de parasitos presentes en produtos da pesca europeos e de importación a través de novas solucións tecnolóxicas e ferramentas de xestión é o obxectivo xeral do proxecto PARASITE, unha iniciativa na que está a participar o Centro Tecnolóxico do Mar e que está financiada polo Sétimo Programa Marco de I+D da Unión Europea.

Durante os vindeiros tres anos, a Fundación CETMAR traballará neste proxecto liderado polo Doutor Santiago Pascual, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, formando parte dun consorcio multidisciplinar integrado por outras once institucións de investigación europeas e tres asiáticas, así como por seis PEMEs europeas.

Os principais resultados de PARASITE materializaranse en avances cara a mellora da seguridade alimentaria, cos conseguintes beneficios para a saúde pública e a confianza do consumidor; no fortalecemento da competitividade dos produtos europeos da pesca “dende o barco ao prato” e na potencial repercusión que isto terá na mellora das políticas europeas de seguridade alimentaria.

A reunión inicial do proxecto terá lugar o 7 e 8 de febreiro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo, onde se darán cita representantes de todas as institucións que forman parte do consorcio PARASITE. A apertura oficial da reunión celebrarase na sede do Instituto de Investigacións Mariñas da institución coordinadora. Este acto contará coa presenza do vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC e o Comisionado do Campus do Mar.

 

Tema: Pesca
Departamento: C. do Medio Rural
  • whatsapp