“Galicia mantén aberta a posibilidade de fusión porque a inmensa maioría social e política está traballando por ela e porque as caixas teñen a vontade expresada por escrito polos seus máximos responsables para conseguila”, asevera

Feijóo: “as caixas acceden ante a Xunta a iniciar o proceso de fusión que se someterá aos Consellos de Administración antes do 6 de abril”

Remarca que con esta decisión as entidades financeiras inician oficialmente un proceso para negociar unha fusión “viable e posible, malia que aínda, sen dúbida, queda moito traballo” e que conta “co respaldo da inmensa maioría política e social de Galicia”

Salienta que este acordo se produce tras unha xuntanza “intensa e construtiva” na que “o servizo de Galicia foi o fío condutor”

“Traballamos activamente para que esa ambición colectiva se fixera realidade, a través dun intenso camiño de traballo prudente, rigoroso e de responsabilidade para acadar ese obxectivo”, lembra

Subliña que “grazas a ese traballo conseguimos que se sumaran a ese camiño tamén o Banco de España, que admitiu como posible a fusión que defendiamos a maioría política e social de Galicia e que as dúas caixas de aforro, pese aos recelos, recoñeceran que a opción da fusión é igualmente posible”

Sinala que hoxe comeza “unha nova etapa que nos pode levar a esa fusión ansiada de ter unha gran caixa galega e que Galicia permaneza no mapa financeiro de España”

Santiago, 29 de marzo de 2010.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que as caixas galegas accederon ante a Xunta a iniciar o proceso de fusión que os Consellos de Administración votarán antes do vindeiro 6 de abril. ”É un paso máis que se concreta nunha decisión conxunta do presidente de Caixanova e do director xeral de Caixa Galicia formalizada por escrito tras a reunión desta mañá coa Xunta de Galicia: formalizan a súa disposición a iniciar oficialmente os contactos para analizar a integración por vía de fusión e sometela aos seus respectivos Consellos de Administración antes do próximo 5 ou 6 de abril”, anunciou Feijóo nunha comparecencia ante os medios de comunicación.

O mandatario autonómico resaltou que con esta decisión, “explicitada por escrito polos máximos responsables das caixas”, as entidades financeiras abren oficialmente as conversas para materializar unha fusión “que a Xunta e que elas mesmas recoñecen como unha fusión posible, e que os sindicatos, os empresarios e as forzas políticas vimos apoiando explicitamente”. “É dicir as caixas inician oficialmente un proceso para negociar unha fusión viable e posible, malia que aínda, sen dúbida, queda moito traballo”, engadiu Feijóo sinalando que o fan, “co respaldo da inmensa maioría política e social de Galicia”.

“Galicia mantén aberta a posibilidade de fusión porque a inmensa maioría social e política está traballando por ela; e Galicia mantén aberta a posibilidade de fusión porque as caixas teñen a vontade expresada por escrito polos seus máximos responsables para conseguila, expresada esta mañá de forma oficial ante a Xunta de Galicia”, reafirmou o mandatario autonómico.

O servizo de Galicia como fío condutor
O presidente galego lembrou, ademais, que esta decisión foi tomada despois dunha xuntanza “intensa e construtiva” na que, dixo, “o servizo de Galicia foi o fío condutor” e logo de que, nestes últimos meses a inmensa maioría de Galicia “traballamos activamente para que esa ambición colectiva se fixera realidade, a través dun intenso camiño de traballo rigoroso e cheo de responsabilidades para acadar ese obxectivo”.

“Grazas a ese traballo conseguimos que se sumaran a ese camiño, en primeiro lugar, o Banco de España, que admitiu como posible a fusión que defendiamos a maioría política e social de Galicia e, en segundo lugar, as dúas caixas de aforro que –dixo, pese aos recelos, recoñeceron que a opción da fusión é igualmente posible”.

O presidente galego sinalou que este acordo se produce despois de terse reunido, ao longo do día, cos responsables das caixas de aforro galegas, co presidente de Caixanova e co director xeral de Caixa Galicia e adiantou que está a contactar cos representantes dos partidos políticos, cos sindicatos e representantes empresariais e que tamén mantivo conversas co Banco de España na xornada de hoxe.

Alberto Núñez Feijóo argumentou que Galicia precisaba “que as entidades financeiras despexen e clarexen o seu camiño neste proceso de reordenación de concentración financeira” e que durante todo este tempo a Xunta en permanente contacto coas caixas de aforro galegas e co Banco de España, pretendeu traballar “alleo ao ruído e ao rumor” para coñecer que posibilidades se pechaban e se abrían para Galicia no novo mapa financeiro”.

“Un traballo prudente, rigoroso e de responsabilidade cunha convición: que Galicia debía permanecer no mapa financeiro español ben con dúas caixas –se era posible; ou ben, no seu defecto cunha caixa –se Galicia reunía as condicións que llo permitiran”.

Feijóo lembrou, ademais os dous criterios que debían marcar “irrenunciablemente” o futuro, dous criterios, aseverou, que o Goberno galego, os tres partidos con representación parlamentaria, os sindicatos, os empresarios e as dúas caixas “compartimos”: a galeguidade, é dicir que Galicia seguira presente no mapa financeiro español; e a solvencia, é dicir, dixo, “que a nosa presenza no mapa financeiro español fora tecnicamente viable”.

“E a vista dos datos obxectivos, á vista dos números concluímos que as dúas caixas galegas, nun escenario de concentración financeira non podían permanecer inmóbiles e tiñan que participar neste proceso de integración e de agrupación de entidades”, indicou.

Por último, o presidente da Xunta remarcou que co acordo acadado hoxe, se empeza “unha nova etapa que nos pode levar a esa fusión ansiada de ter unha gran caixa galega e que Galicia permaneza no mapa financeiro de España”.

“Ese é o obxectivo da reunión de hoxe e eu quero agradecerlle aos directivos das caixas que inicien este compromiso, que o poñan en contacto antes do día 6 de abril, como data tope, aos seus Consellos de Administración e que, unha vez autorizado polos Consellos de Administración, os contactos necesarios para unha fusión se poidan celebrar e poidamos chegar ao porto que todos esperamos: que é o porto de conseguir unha gran caixa galega”, concluíu.

Sons relacionados
Audio da rolda de prensa ofrecida polo presidente da Xunta de Galicia
Imaxes relacionadas