A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, abordou a proposta da Xunta para implantar o modelo económico circular nunhas xornadas organizadas pola Universidade de Santiago
Ferreira asegurou que Galicia está en marcha como mostra a coordinación, xunto con Cataluña e Valencia, do grupo de traballo sobre Economía Circular e Fondos Europeos; e os contactos previos establecidos co sector empresarial galego
Este proxecto complementará a Estratexia de loita contra o cambio climático e enerxía 2050 na que xa está a traballar o Goberno galego
A Estratexia galega de economía circular fomentará a eficiencia enerxética e a optimización dos recursos, así como e a conversión dos residuos en novas materias primas co fin de prolongar o ciclo vital dos produtos. Para iso, a Xunta prevé unha actualización da normativa sobre avaliación ambiental e de recursos, prestará colaboración coas Pemes para favorecer a inversión en iniciativas de I+D+i e reforzará as campañas de concienciación da sociedade enfocadas non só á reciclaxe senón tamén a facer un consumo responsable. Así o explicou hoxe a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, durante as xornadas sobre Economía circular organizadas pola Universidade de Santiago.
Deste xeito, María Cruz Ferreira insistiu en que o obxectivo desta Estratexia é introducir o criterio multierre, isto é, repensar, redeseñar, refrabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar; en todo o proceso de elaboración dun produto, dende as materias primas -de orixe técnico e biolóxico- ata un deseño orientado á recuperación dos materiais. Así, segundo indicou, prolóngase a vida útil dos produtos e garántese a redución dos residuos.
Tamén sinalou que esta iniciativa busca a eficiencia enerxética e a redución de emisións de efecto invernadoiro, así como o uso sostible dos solos e dos recursos hídricos.
Ademais, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático atopa no modelo de economía circular unha oportunidade para o impulso do crecemento económico e a xeración de emprego verde. Nesta liña, propón incentivar os modelos industriais enfocados á revalorización dos residuos.
O compromiso de Galicia coa Economía circular
Por último, María Cruz Ferreira asegurou que Galicia está en marcha e proba diso é o recente nomeamento do Goberno galego para coordinar, xunto con Cataluña e Valencia, un grupo de traballo de Economía Circular e fondos europeos, creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.
Cómpre salientar que a Comisión Europea colocou a economía circular na axenda ambiental e económica, a través do Plan de acción da Unión Europea para a Economía Circular; polo que Galicia debe ser parte activa neste eido e propor iniciativas que aposten por este modelo para a xestión dos residuos. En España, a Rede de Autoridades Ambientais é o foro de cooperación e coordinación entre as autoridades responsables en medio ambiente e as responsables de programación e de xestión dos fondos comunitarios, nos diferentes niveis administrativos.
Igualmente, a directora xeral puxo de relevo os últimos contactos co sector empresarial, precisamente para buscar a súa implicación na implantación do modelo económico circular e o impulso a medidas para reducir e reutilizar os residuos.
Loita contra o cambio climático
A Estratexia galega de economía circular complementará ao plan galego contra o cambio climático e enerxía 2050, no que xa está a traballar o Goberno galego. Será unha folla de ruta que incorporará a consideración do cambio climático na xestión territorial e que levará aparellada a elaboración dun mapa de coñecemento en cambio climático, permitirá identificar a todos os axentes implicados nesta loita e definir as liñas de actuación en observación, mitigación e adaptación ao fenómeno. Para acadar este cometido, a Xunta invita á participación de todos axentes, tamén aos implicados na investigación e o desenvolvemento, como son a comunidade universitaria.