Xunta de Galicia

Almuiña destaca os investimentos e a ampliación das urxencias no hospital da Barbanza


O desenvolvemento das EOXI evitou máis de 60.000 desprazamentos de pacientes dende A Barbanza a Santiago nos últimos cinco anos

O conselleiro remarcou que coa nova Lei de Saúde garantiranse e potenciaranse os servizos a nivel comarcal coa existencia de 14 distritos que serán marco de referencia da actividade sanitaria
 

Santiago de Compostela, 11 de abril 2018.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixo repaso hoxe no Parlamento das melloras no Hospital da Barbanza dende a entrada en funcionamento do sistema de estruturas de xestión integrada (EOXI). Entre esas melloras, o conselleiro mencionou a ampliación dos servizos con consultas de cardioloxía, endocrinoloxía, neumoloxía, neuroloxía e uroloxía; e a adquisición dunha torre endoscópica cirúrxica (cun investimento de 62.869,20€) e dunha sala de radioloxía e mamógrafo (por valor de 508.402,33€). Ademais realizáronse outros investimentos en equipamento e obras de arredor de 300.000€. A última destas reformas é o proxecto de ampliación da área de urxencias, que contará cun orzamento de 1,6 millóns de euros.

O titular da carteira de Sanidade manifestou que co desenvolvemento das EOXI, evitáronse máis de 300.000 desprazamentos nos últimos cinco anos dende as zonas dos comarcais. No caso concreto do hospital da Barbanza realizáronse máis de 60.000 consultas que evitaron outros tantos desprazamentos.

Co exemplo da Barbanza, Almuiña quixo destacar o compromiso da súa Consellería para achegar cada vez máis os servizos sanitarios aos cidadáns e que deste xeito os pacientes poidan recibir unha atención máis próxima ao seu domicilio. Segundo lembrou, a Lei de Saúde “garantirá e potenciará os servizos e especialidades a nivel comarcal” e que os catorce distritos sanitarios que establece a Lei constituirán un marco de referencia para a coordinación da actividade da atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá ao redor do hospital existente no seu ámbito territorial.

Ampliación de urxencias na Barbanza

O pasado 16 de marzo, presentouse o proxecto de ampliación do Hospital da Barbanza. Con esta intervención, a área que actualmente se destina ás urxencias, uns 650 metros cadrados no primeiro andar do hospital, ampliarase coa zona da explanada de acceso. As obras de reforma e ampliación levaranse a cabo dun xeito sectorizado, para reducir o impacto no servizo e manter o seu uso durante a execución.

A superficie total da actuación é duns 1.000 metros cadrados, e pasa pola ocupación dunha parte do espazo exterior de acceso (parte cuberta) que se destinará a uso asistencial do servizo de urxencias, e unha zona exterior (sen cubrir), destinada ao acceso de ambulancias.
Unha vez se execute esta intervención, poderase incrementar a actual dispoñibilidade de camas de observación na área de urxencias do Hospital, tendo en conta a demanda de dito servizo, para facilitar a actividade dos profesionais e en beneficio dos pacientes.

A zona máis ambulatoria envórcase cara o acceso principal na fachada este, mentres que a zona de boxes lévase cara a área máis privada na fachada oeste. A sala de observación, con máis de 100 metros cadrados, xunto co control de enfermería, se establece no centro da proposta, de maneira que funcione como centro neurálxico, limitando as circulacións e mantendo un control total de todo o conxunto.
 

Tema: Sanidade
Departamento: C. de Sanidade
  • whatsapp