Xunta de Galicia

A Xunta reforzará de novo o Servizo de Axuda no Fogar e ampliará o cadro de persoal dos equipos de valoración

A intención é seguir estendendo a atención poñendo a disposición dos concellos máis horas dispoñibles de axuda a domicilio, así como axilizar os exames e asignación de recursos

O novo obxectivo é atender a 5.000 novos demandantes de prestación en 2018, superando así os 60.000 persoas dependentes atendidas
 

  • O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, explicou hoxe no Parlamento a situación da atención a persoas dependentes e os retos fixados para o presente ano

Santiago, 11 de abril de 2018.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, anunciou hoxe en sede parlamentaria un maior reforzamento do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia en Galicia (SAAD) cun novo impulso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a ampliación dos equipos de valoración. O obxectivo é seguir estendendo a atención a través de prestacións profesionais, así como axilizar os procedementos de exame e de asignación de recursos ás persoas que teñan recoñecida a súa dependencia.

Na súa intervención, o conselleiro destacou o notable incremento que se ten producido na atención a dependentes, que case se cuadriplicou entre o ano 2009 e a actualidade pasando dos 14.000 de entón aos 55.177 actuais, segundo recollen os datos oficiais do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Esta cifra sitúa a Galicia cunha ratio de cobertura do 83,1%, case 7 puntos superior á media do estado; destacando ademais o feito de que o 79% do total de servizos que se prestan teñen carácter profesional, máis de 11 puntos por riba da media nacional.

Nesta liña, Rey Varela avanzou que no presente exercicio de 2018 a Xunta volverá aumentar as horas postas a disposición dos 313 concellos galegos para a atención de dependentes a través da axuda a domicilio, de tal xeito que se chegarán a ofrecer 7 millóns de horas no conxunto do territorio. Así mesmo, tamén se continuará potenciando a teleasistencia avanzada e se ofertarán novas libranzas, principalmente vinculadas a servizos.

Por último, o conselleiro fixou o novo obxectivo en atender a 5.000 novos dependentes antes de que remate o presente ano, co que a cifra global de persoas con prestacións superará as 60.000 e quedará así cumprido na metade de tempo un reto que nun principio se tiña fixado para os catro anos de lexislatura. Para continuar con esta senda de crecemento na atención os orzamentos autonómicos de 2018 para a área de Maiores ascende a 369 millóns de euros, un 9% máis que o curso pasado e 231 millóns de euros máis que en 2009.

 

Tema: Benestar
Departamento: C. de Política Social
  • whatsapp