Con este documento, o Executivo cumpre co mandato feito polo Parlamento galego
Dedica un apartado específico ás viaxes que coincidan cos períodos electorais, para asegurar a máxima transparencia no desenvolvemento do dereito ao sufraxio
Co obxecto de darlle a máxima difusión, o documento será accesible no portal web institucional da Xunta de Galicia: www.xunta.es
Santiago, 7 de xaneiro de 2011.- O director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Roberto Castro, entrevistouse esta mañá coa presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, para facerlle entrega do Código ético institucional que regulará as viaxes oficiais ao exterior dos cargos da Administración autonómica galega. Con este documento, que foi levado a Consello da Xunta a semana pasada, o Executivo cumpre co mandato feito polo Parlamento galego, que lle instou a facer unha proposta nesta liña.
O código ten por finalidade regular as actuacións dos membros do Goberno galego e dos altos cargos da Administración Autonómica na realización de viaxes institucionais ao exterior, especialmente nos períodos previos á celebración dos comicios electorais. Pretende ser, polo tanto, un referente claro e inequívoco da actuación do Goberno galego nestes supostos, que afonde nos seus compromisos de austeridade e racionalización no uso dos recursos públicos, así como na consecución dun goberno máis transparente, próximo e aberto á cidadanía.
Así, entre os principios que rexeran as viaxes institucionais, farase especial fincapé no económico, comprometéndose o Goberno galego a realizar un uso responsable e eficiente dos recursos públicos, de forma que se cumpran os obxectivos propostos co menos gasto posible.
Neste sentido, o texto sinala, entre outros aspectos, que os voos dentro da Unión Europea realizaranse en liñas regulares e en clase turista e que os desprazamentos en clase preferente quedarán reservados exclusivamente para as viaxes transoceánicas ou de longo percorrido. Neste último caso, poderán viaxar nesta circunstancia dúas persoas, como máximo, por departamento do Goberno autonómico.
Así mesmo, o código ético tamén recolle que se fará un esforzo por reducir, ao máximo, os gastos en materia de protocolo e a composición das comitivas de acompañamento e que non se aceptarán regalos, favores ou servizos que poidan ser entendidos como un intento de influír ou afectar á imparcialidade do cargo público e o normal funcionamento das súas funcións.
Doutra banda, outra das máximas recollidas no documento é a nidia separación e diferenciación entre a actividade institucional e aqueloutros actos de natureza partidaria, dentro da configuración das axendas das viaxes ao exterior. O obxectivo é evitar calquera tipo de confusión e conflito de intereses que se poidan producir, especialmente na utilización de fondos públicos.
Período preelectoral
Dentro do código regulador dedícase un apartado específico ás viaxes que coincidan cos períodos electorais, é dicir, o tempo transcorrido entre a convocatoria formal das eleccións e a celebración efectiva dos comicios; co fin de asegurar a máxima transparencia no desenvolvemento do dereito ao sufraxio.
Así, durante o período electoral previo a comicios nos que poidan participar inscritos no Censo dos Electores Residentes Ausentes (CERA), as viaxes institucionais a exterior quedarán limitadas ás reunións de alto nivel do Presidente, ou membro do Goberno no que delegue, con mandatarios estranxeiros, representantes diplomáticos e autoridades das institucións europeas e de cooperación interrexional; así como as misións con marcado carácter económico e comercial, polo seu impacto estratéxico para os intereses de Galicia.
Na mesma situación atoparanse as citas relevantes do calendario político internacional, como á asistencia en representación da Comunidade Autónoma a reunións das institucións da UE e outros foros de carácter interrexional noutros organismos oficiais; e as reunións de carácter institucional que manteñan as persoas titulares do departamento ou centros competentes en relaciones exteriores, cooperación ao desenvolvemento e políticas de emigración e inmigración. No resto de casos, as viaxes deberán facerse en calidade de membros dun partido político e será a respectiva formación política a que se encargue do financiamento dos custos da viaxe.
Transparencia parlamentaria
Para velar pola transparencia o Presidente da Xunta, ou a persoa na que delegue, comprometerase a comparecer na Cámara lexislativa galega, como mínimo unha vez por período de sesións, para informar e explicar os obxectivos, a axenda e os resultados das viaxes institucionais realizadas no exterior.
Ademais, co fin de facer extensivos os compromisos recollidos no Código ético, a Xunta de Galicia traballará para divulgar o seu espírito, co obxectivo de garantir que os seus principios de acción poidan ser desenvolvidos e materializados nun acordo semellante polas restantes administracións públicas, particularmente no ámbito das catro deputacións provinciais e nos 315 concellos galegos. Neste sentido, e co obxecto de darlle a máxima difusión, o documento será accesible no portal web institucional da Xunta de Galicia: www.xunta.es.
(Anexamos o texto completo do Código ético institucional que regulará as viaxes oficiais ao exterior dos cargos da Administración autonómica galega).