10/02/15 | 10:53 | C. de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; C. de Facenda e Administración Pública; A Presidencia da Xunta O presidente da Xunta destaca o traballo, dedicación e compromiso dos novos conselleiros para seguir mellorando social e economicamente Galicia
Asevera que Valeriano Martínez reúne a preparación e o espírito necesario para afrontar o que resta de lexislatura, con retos tan importantes como a actualización e aprobación do Plan estratéxico da economía galega 2015-2020, a execución dos fondos europeos ou a necesidade de seguir orientando os recursos públicos cara á recuperación económica
No tocante a Román Rodríguez, afirma que a súa traxectoria lle servirá para trasladar á Cámara o maior consenso posible nunha área tan sensible e para xestionala coa cercanía que caracteriza o municipalismo
Transmite a Elena Muñoz e a Xesús Vázquez “un enorme agradecemento” polo seu traballo ao longo destes anos
O novo conselleiro de Facenda expresa o seu compromiso “coa honestidade, cun criterio de profesionalidade sempre servindo ao interese xeral e coa transparencia que a sociedade demanda de nós”
Román Rodríguez recoñece asumir o novo reto con responsabilidade: “Non partimos de cero. Partimos dun proxecto xa en marcha, dun modelo que nos últimos anos ten permitido mellorar os resultados educativos, tanto en calidade como en equidade, e poñer a nosa cultura e a nosa lingua como cerne e sinal de identidade do noso ser colectivo. Vivimos nunha Galicia aberta, plural, inclusiva e diversa e a nosa educación e a nosa cultura son e serán piares que nos sitúan no mundo”