21/12/21 | 20:29 | C. de Sanidade; Vicepresidencia segunda e C. de Presidencia, Xustiza e Deportes Xunta e Forzas de Seguridade acordan extremar a vixilancia no cumprimento das normas sanitarias nestes días de Nadal
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia cos xefes das policías locais das principais cidades galegas e cos mandos policiais da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica, para extremar os controis e incrementar os dispositivos para evitar infraccións
Os axentes controlarán que se están a cumprir as normas en vigor nos distintos ámbitos ademais de vixiar a celebración de botellóns, que están prohibidos
Tamén se comprobará que os profesionais e usuarios de sectores nos que é obrigatorio amosar o certificado covid para acceder están a respectar esta medida
Ademais das medidas vixentes, as que se acorden mañá na reunión da Conferencia de Presidentes trasladaranse tamén ás forzas e corpos de seguridade a través da Sacop para vixiar o seu cumprimento