01/12/20 | 12:16 | C. de Política Social e Xuventude Fabiola García destaca a "axilidade e a ambición" dos orzamentos de Política Social para 2021, que con 894,4 M€ supoñen o maior investimento da historia
Esta contía representa un aumento do 15,3% con respecto ás contas do presente exercicio e un 90% máis cas do ano 2009
Avanzarase no deseño dun novo modelo de residencias da man dun Comité Asesor que se constituirá nas vindeiras semanas
Cuadriplicarase a cobertura das casas do maior, para o que se destinarán 2,2 millóns de euros, un 42,5% máis que no actual exercicio
Cun investimento de 9,3 millóns de euros, as achegas para o tecido asociativo da discapacidade cubrirá tamén o incremento salarial dos traballadores das entidades que non están federadas
Contémplanse 300.000 euros para chegar ás 100 casas niño en funcionamento e cuadriplícanse os fondos para colaborar coas entidades sociais do ámbito da infancia
Crearanse dez novas prazas en centros de inclusión social ao abeiro do primeiro Plan de atención a persoas sen fogar
Comezarán os traballos para a reforma da Lei de inclusión social de Galicia, en colaboración cos profesionais do sector
Reservaranse 350.000 euros á posta en marcha dun programa de lecer educativo para a mocidade especialmente concibido para este contexto de pandemia e a ampliación do Plan de formación online para xente nova e voluntariado