Identidade corporativa

Este manual de identidade corporativa responde aos criterios que se fixan no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Neste documento inclúense os aspectos constitutivos da identidade visual que conforman a imaxe corporativa institucional da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ten por obxecto a definición e regulamento dos usos e aplicacións dos símbolos corporativos da Xunta.

Os elementos básicos desta identidade son: o escudo, elemento protexido pola Lei de Símbolos de Galicia e que actuará como unidade mínima de identificación, o logotipo corporativo formado pola expresión Xunta de Galicia e unha tipografía propia, a Xunta Sans, que será pública e accesible a todo o mundo. A súa conxugación fará posible a representación visual da marca Xunta de Galicia e de todas as marcas que compoñen a arquitectura institucional.

O manual de identidade corporativa é un documento de uso ineludible na aplicación dos elementos de identidade corporativa que nel se definen, dado o seu carácter normativo. Pero sobre todo, é una guía de consulta á que se debe acudir para garantir o bo uso da imaxe gráfica da Xunta de Galicia de de todas as marcas que forman parte da administración autonómica.

O seguimento das pautas reunidas neste manual sobre os usos permitidos e non permitidos de símbolo e logotipo garante que non se distorsionará a identidade visual da Xunta de Galicia, así como as normas de convivencia con logotipos e identidades pertencentes a outros entes e organismos integrantes do sector público galego.

Todas as reproducións que se fagan dos diferentes elementos do manual deberán ser sempre copia fiel do orixinal e das súas posibles versións, e produciranse sempre coa mellor calidade que ofreza o soporte no que se plasmen, sexa impresión, en pantalla, etc.

As pezas non definidas neste manual realizaranse respectando os criterios xerais e o estilo marcado por este.

O seu uso é obrigado para todos os departamentos da Xunta de Galicia na definición de elementos gráficos de comunicación, así como para os fornecedores de soportes gráficos, como: axencias de publicidade, estudios de deseño gráfico, imprentas, creadores audiovisuais, etc.