Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 1990

Medallas de Ouro 1990

Centro Galego de Buenos Aires

Centro cultural galego e mutua de saúde

Con cinco millóns de galegos, entre nativos e descendentes, vinculados a el, o Centro Galego de Bos Aires é unha das maiores organizacións mundiais relacionadas coa emigración.

Foi creado en 1907 por un grupo de emigrantes galegos, preocupados tanto pola saúde do corpo coma pola saúde da alma dos seus paisanos.

O centro viviu uns primeiros anos itinerante ata que en 1917, contando xa con máis de 4.200 socios, realiza unha subscrición popular para adquirir os novos terreos da rúa Belgrano, onde por etapas vai construíndo a nova sede social. En 1941 conta xa con 70.000 socios, entre españois e arxentinos.

A partir de 1945 o Centro reforza o seu obxectivo como promotor do coñecemento e divulgación dos valores culturais galegos e o seu órgano oficial, a revista Galicia, dará cabida a autores como Castelao, Luís Seoane, Otero Pedrayo ou Rafael Dieste. Polas súas Xornadas Galegas pasaron nomes ilustres da cultura e o coñecemento como Ángel Battistessa, o Nobel de Medicina Albert Sabin, Álvaro Cunqueiro ou Jorge Luis Borges.

O Centro Galego é unha das institucións sanitarias de referencia da Arxentina, contando cun complexo hospitalario, con preto de 400 camas, e unha ampla carteira de especialidades médicas e cirúrxicas.

Discursos