Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2017

Medallas de Ouro 2017

2017

Miguel Ángel Blanco Garrido

Ermua

Nacido en Ermua pero descendente dun galego de Xunqueira de Espadañedo e dunha galega da Merca. Licenciado en Económicas, traballou como albanel e exerceu como economista nunha consultaría de Eibar.

Iniciou a súa andadura política con 27 anos e foi concelleiro na súa localidade natal, decisión que o puxo no punto de mira de ETA. En xullo de 1997 foi secuestrado e asasinado por esta banda terrorista. Os seus restos mortais repousan desde hai unha década no cemiterio da Merca, en Ourense.

Miguel Ángel Blanco é un símbolo da liberdade e da democracia.

2017

Isabel Castelo D’Ortega

A Coruña

Galega da Coruña, foi cantante profesional da ópera, profesión que deixou para dedicarse á empresa. É a actual presidenta executiva do Grupo Seguros Ocaso e tamén preside outros consellos de administración.


Ademais da súa actividade empresarial, Isabel Castelo serve a Galicia desde a súa actividade benéfica. Así, colabora coa asociación de persoas con discapacidade Aspadisol, do concello coruñés de Oleiros; contribuíu a soster o Aquarium Finisterrae da Coruña, e cando sucedeu o desastre do Prestige recadou fondos desde a Fundación Arao.


O seu carácter solidario xa fora recoñecido por Unicef, a Cruz Vermella e a Asociación Española contra o Cancro e conta coa Gran Cruz da Orde do Mérito Civil e a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo.

2017

Aníbal Cavaco Silva

Algarve - Portugal

Nacido no Algarve, en Portugal, compaxinou os seus estudos no Instituto Superior de Ciencias Económicas e Financeiras de Lisboa coa práctica deportiva da carreira de vallas, especialidade na que chegou a ser campión portugués.

Despois de doutorarse en Economía, iniciou a súa carreira política. Neste eido, Cavaco Silva, exerceu como ministro de Finanzas do Goberno de Sá Carneiro e foi primeiro ministro de Portugal entre 1985 e 1995. Posteriormente, entre 2006 e 2016, foi presidente de Portugal.

Contribuíu a estreitar os lazos entre Galicia e Portugal. Baixo a súa presidencia fortaleceuse a cooperación transfronteiriza e tamén se estreitaron os vínculos de Galicia coa lusofonía.

2017

José Manuel Romay Beccaría

Betanzos

Galego de Betanzos, licenciado en Dereito con Premio Extraordinario de Fin de Carreira e doutor en Dereito. Con só 25 anos chegou, por oposición, a ser letrado do Consello de Estado.

Foi vicepresidente do primeiro Goberno autonómico de Galicia e serviu á comunidade como presidente da Deputación da Coruña entre 1987 e 1990. Tamén foi conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Forestal e conselleiro de Sanidade da Xunta.

Posteriormente, foi ministro de Sanidade. Hoxe en día, preside o Consello de Estado, institución na que iniciou a súa carreira.

Posúe distincións como a Gran Cruz da Orde de Carlos III, de Isabel la Católica, do Mérito Civil e da Orde de San Raimundo de Peñafort.

Discursos