A conselleira María José Gómez visitou hoxe as melloras realizadas nestas instalacións

Medio Rural completa a remodelación da base aérea contra incendios de San Xoán de Río cun investimento de máis de 1,2 M€

Gómez destacou que o novo espazo favorecerá a conciliación entre traballo e descanso por parte do persoal e que tamén se melloraron as plataformas para os helicópteros

Enmarcou as actuacións no Plan de infraestruturas da Consellería, que abrangue tanto as oficinas rurais como as instalacións asociadas ao dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais e á administración forestal

San Xoán de Río (Ourense), 30 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe a base de medios aéreos contra incendios de San Xoán de Río, en Ourense, que acaba de ser remodelada cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros. As melloras consistiron basicamente na construción dunha nova edificación destinada a aloxar á brigada helitransportada e á tripulación dos helicópteros en dous espazos diferenciados. Na visita tamén houbo representación de alcaldes do distrito forestal XIII, de Valdeorras-Trives.

Así, tal e como explicou a conselleira, pasan a estar a disposición dos profesionais preto de 300 metros cadrados con todo o necesario para que o persoal do servizo poida conciliar traballo e descanso. Ademais, tamén se remodelou a antiga caseta dos pilotos, onde se localiza a nova emisora da base. Así mesmo, as actuacións incluíron o acondicionamento da parcela do heliporto, para habilitar unha plataforma dedicada ao despegue e aterraxe de aeronaves e outra na que se sitúan tres postos de aparcamento para estes aparellos.

Na visita, a titular de Medio Rural enmarcou estas melloras no Plan de infraestruturas da Consellería, que -trasladou- se vén desenvolvendo dende 2021 e que se estenderá ata o 2026. Esta iniciativa integra tanto os labores de reforma, adaptación e mellora da rede de oficinas rurais como as intervencións en marcha e previstas nas instalacións asociadas ao dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais e á administración forestal.

En relación coas bases de medios aéreos, e tamén en referencia á provincia de Ourense, a conselleira fixo fincapé na de Verín-Oímbra, que terá carácter transfronteirizo e que se está ultimando, para a súa posta en marcha nos vindeiros días. Esta infraestrutura poderá ser utilizada por ata seis aeronaves de carga en terra e contará ademais cun heliporto con capacidade para ata catro aparellos, segundo destacou María José Gómez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024