A delegada da Xunta na Coruña e a directora xeral de Patrimonio natural intercambian experiencias con representantes do Goberno de Huelva no ámbito da protección dos recursos naturais e do turismo
Belén de Campo e Marisol Díaz visitaron o Porto deportivo do Terrón e a paraxe natural de Río Piedras e Flecha de Nueva Umbría
Lepe (Huelva), 30 de xullo de 2024
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, percorreron diversas contornas da provincia de Huelva para coñecer diferentes accións de promoción turística e protección do patrimonio natural que teñen en marcha neste territorio, ao abeiro dunha visita organizada pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac).
Durante a xornada de hoxe, visitaron a paraxe natural de Río Piedras e Flecha de Nueva Umbría así como o porto deportivo do Terrón, desde onde se trasladaron en vehículo eléctrico á praia de Nueva Umbría, en Lepe. A maiores, tamén coñeceron a Almadraba de Nueva Umbría a través dunha travesía en barco.
As representantes da delegación galega explicaron a súa experiencia neste ámbito e puxeron en valor os esforzos dos concellos e da Administración autonómica a prol da prestación dos mellores servizos posibles neses espazos naturais ao tempo que trasladaron o compromiso de seguir incidindo nos valores que representan as bandeiras azuis que outorga Adeac en recoñecemento ao cumprimento dunha serie de criterios ambientais, educativos, de seguridade e de accesibilidade.
Ademais da directora de Bandeira Azul, Virginia Yuste, a delegada territorial e a directora xeral estiveron acompañadas polo delegado do Goberno andaluz en Huelva, José Manuel Correa, e polo alcalde de Lepe, Juan Manuel González. Tamén participaron na visita o primeiro tenente de Alcalde de Lepe, Adolfo Verano; a concelleira de Turismo, Elena Vélez, e o concelleiro de Servizos Xerais, José Miguel Ramírez.