O Sergas publica os admitidos no proceso de estabilización por concurso de méritos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario

Foron admitidos 379 participantes para 50 prazas

O Diario Oficial de Galicia tamén recolle as puntuacións provisionais deste proceso

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde na que se recollen, con carácter definitivo, os admitidos e excluídos no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal estatuario. Así mesmo publícanse as puntuacións provisionais destes procesos selectivos que foron convocados polas resolucións do 26, 27 e 28 de decembro de 2022. 

Neste proceso ofértanse un total de 50 prazas para diversas categorías de persoal estatutario:  5 corresponden ao grupo administrativo da función administrativa; 2 ao de xestión da función administrativa; 7 ao de técnico da función administrativa; 1 a persoal técnico de grao medio en prevención de riscos laborais; 17 a persoal técnico superior; 2 a persoal técnico superior en prevención de riscos laborais; 4 a técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información; 3 a técnico grao medio; e 8 a traballador social. 

 Foron admitidos, con carácter definitivo, un total de 379 aspirantes, dos que 79 corresponden ao grupo administrativo da función administrativa; 53 ao de xestión da función administrativa; 76 a técnico da función administrativa; 7 a persoal técnico de grao medio en prevención de riscos laborais; 17 a persoal técnico superior en prevención de riscos laborais; 44 a persoal técnico superior; 24 a técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información; 6 a técnico de grao medio; e 73 a traballador social

As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos e a baremación provisional coa información que permitirá verificar a correcta aplicación do criterio de desempate establecido nas bases da convocatoria dos procesos selectivos, coa finalidade de dotar de transparencia o proceso, atópanse publicadas, á disposición dos usuarios, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cada aspirante poderá consultar o estado da solicitude, ademais da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos/concurso de méritos. 

Contra os resultados da baremación provisional, os aspirantes admitidos disporán dun prazo de reclamacións de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG (do 2 ao 19 de agosto, ambos incluídos). 

Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as súas dúbidas e consultas relacionadas con estes dous procesos selectivos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación nin recurso.

Información procesos estabilización persoal estatutario

Con esta resolución, o Servizo Galego de Saúde publicou xa a baremación provisional dos procesos de estabilización convocados por concurso de méritos para un total de 94 categorías de persoal estatutario, restando só a publicación da baremación de 3 categorías de persoal investigador. 

Para as categorías de enfermeiro e médico de familia de atención primaria o proceso selectivo de concurso de méritos xa finalizou e os profesionais incorporáronse ao seu destino con carácter fixo entre os meses de novembro de 2023 e febreiro de 2024. 

Nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería os profesionais xa realizaron a elección de destino, restando só o nomeamento e toma de posesión.

Nos procesos selectivos convocados mediante concurso oposición para un total de 56 categorías de persoal estatutario xa se rematou a fase de oposición para todas as categorías, agás a de médico de familia de atención primaria, que realizou o exame de oposición o pasado 23 de xuño de 2024. Restaría por realizar nestes procesos selectivos a fase de concurso e a elección de destino.

Estes procesos de selección fixa está previsto que se resolvan antes de finalizar este ano e teñen por obxecto controlar e reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia e acadar unha taxa por debaixo do 8%, como marca a Lei 20/2021, do 28 de decembro de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. 

Data de actualización: 01/08/2024