A Xunta incrementa a oferta turística deste verán en Ferrol co seu apoio ao Nachiños Fest

A delegada territorial, Martina Aneiros, presentou esta mañá o festival que adiante por primeiro ano a súa celebración ao mes de agosto

O evento terá lugar os días 16 e 17 de agosto no campo das Cabazas, en Covas, e terá como cabeza de cartel á banda nacional Pignoise

Ferrol, 1 de agosto de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá na tenda Waves, a quinta edición do Nachiños Fest, que por primeiro ano adianta a súa celebración ao mes de agosto, concretamente aos días 16 e 17. A cita terá lugar no campo das Cabazas, en Covas, e volve contar un ano máis co respaldo do Goberno galego a través de Turismo de Galicia.

Acompañada de representantes do Concello de Ferrol e da organización do evento, Aneiros salientou o cartel “de luxo” desta nova edición coa banda nacional Pignoise á cabeza. Xunto a eles haberá outras caras coñecidas do panorama nacional e galego como Carlangas y Los Cubatas, Ortiga, Karavana, Blackpanda, Carlos Ares, Futuro Alcalde, Catuxa Salom, Señora DJ e Souler(es).

A delegada territorial destacou na súa intervención o compromiso da Xunta con eventos como o Nachiños Fest que “non só brindan entretemento de alta calidade, senón tamén fomentan o turismo, concretamente o turismo de festivais que tan boas novas nos está a dar nos últimos anos a nivel de datos de visitantes; apoian a artistas nacionais emerxentes e fortalecen o noso tecido social”.

As entradas para asistir ao festival xa están á venda na páxina oficial do Nachiños Fest. Oscilan entre os 24 euros que custa a entrada do venres e os 43,77 euros do abono das dúas xornadas. Ademais, como todos os anos, haberá dispoñible unha zona de acampada á que se poderá acceder por un custo de 20 euros por persoa por ámbolos dous días de festival.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2024