A Xunta licita as obras de 20 vivendas de promoción pública no barrio San Eleuterio-Tameiga, en Mos, cun investimento de máis de 4,1 M€
Trátase dun edificio de tres plantas e as vivendas terán entre dous e catro dormitorios
Habilitaranse 29 prazas de garaxe e 20 rochos
Os diversos espazos comunitarios organizaranse ao redor de dous patios centrais, que permitirán a entrada de luz natural e a mellor ventilación das vivendas
As empresas teñen de prazo desde mañá, 2 de agosto, ata o 20 de setembro para a presentación das súas ofertas
A Xunta traballa na mellora da situación do mercado da vivenda e a Estratexia de vivenda pública e protexida que, nesta lexislatura, duplicará o parque publico ata as 8.000 vivendas e desenvolverá solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024
A Xunta vén de licitar hoxe as obras de construción dun edificio para 20 vivendas de promoción pública no barrio de San Eluterio-Tameiga, no concello de Mos, cun investimento de máis de 4,1M€. As empresas teñen de prazo desde mañá, 2 de agosto, ata o 20 de setembro para a presentación das súas ofertas e a previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas es que as obras estean rematadas no ano 2026.
O futuro edificio contará cunha planta de soto, planta baixa e tres plantas altas. Das citadas 20 vivendas, unha será adaptada, e o inmoble contará con 29 prazas de garaxe e 20 rochos. A nova promoción pública neste municipio pontevedrés localízase na parcela 702 do polígono 52 do Barrio San Eleuterio-Tameiga.
En concreto, a planta soto, con acceso desde a vía A do polígono de San Eleuterio, destinarase a 20 prazas de garaxe, 20 rochos e cuartos de instalacións. Haberá outras 9 prazas de aparcamento en superficie. Así mesmo, na planta baixa, ademais do portal, habilitaranse catro vivendas (unha delas adaptada a persoas con mobilidade reducida), un núcleo de comunicación vertical, instalacións e un patio.
Nas plantas primeira a terceira distribuiranse o resto das vivendas, catro na primeira planta e seis nas plantas superiores. As nove prazas de garaxe restantes sitúanse en superficie, dentro da propia parcela da edificación.
Das 20 vivendas, dúas disporán de 4 dormitorios, cunha superficie útil de 117,42 m²; outras 14 contarán con 3 dormitorios (unha delas adaptada a persoas con mobilidade reducida), cunha superficie útil que oscilará entre os 95,22 m² e 114,78 m²; e 4 vivendas terán 2 dormitorios, cunha superficie útil de 69,87 m².
A edificación organizará as vivendas e os diversos espazos comunitarios arredor de dous patios centrais, que permiten a entrada de luz natural e melloran a ventilación das vivendas á vez que se favorece a relación co espazo exterior.
O proxecto cumpre o Real decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto, teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.
Aposta pola vivenda protexida
O Goberno galego mantén o seu compromiso para reforzar o parque residencial de toda Galicia. Ademais, a Xunta de Galicia continúa avanzando no seu compromiso da mellora da situación do mercado da vivenda, e na Estratexia de vivenda pública e protexida que prevé, nesta lexislatura, duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas, e 5.000 libres.