A conselleira de Política Social e Igualdade mantivo un encontro en Mos con rapaces saharauís e familias que participan nesta iniciativa

Fabiola García pon en valor o apoio da Xunta de Galicia ao programa vacacións en paz

O Goberno galego inviste este ano 100.000 euros para colaborar no traslado de case 290 menores acollidos en máis de 240 fogares

Galicia é a segunda comunidade que máis rapaces saharauís recibe no marco da colaboración con Sogaps dende hai máis de 30 anos

Mos (Pontevedra), 1 de agosto de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo un encontro esta mañá con rapaces saharauís e familias que participan no programa Vacacións en Paz. Estivo acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o delegado saharauí en Galicia, Mohamed Mehdi, e a presidenta de Sogaps-Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, recentemente condecorada coa Medalla Castelao.

A Xunta achega 100.000 euros a esta entidade para colaborar con eles no traslado destes menores a Galicia. Este verán son case 290 os rapaces saharauís acollidos en máis de 240 fogares galegos, 50 máis que o ano anterior. Un dato que valorou positivamente a conselleira, ademais de poñer en valor o labor das familias que os acollen e o apoio que ofrece a Xunta de Galicia a esta iniciativa.

Durante o encontro, no parque infantil do Pazo de Mos, Fabiola García destacou, ademais, que Galicia é a segunda comunidade que acolle máis menores saharauís no verán, para afastalos das altas temperaturas que se rexistran nesta época na súa terra. A conselleira explicou que isto é posible grazas aos máis de 30 anos de estreita colaboración entre Sogaps e o Goberno galego.

Por provincias, Pontevedra é a que máis rapaces saharauís recibe este ano: 125 menores distribuídos en 33 concellos e 93 familias. 11 deles, en Mos. Outros 107 rapaces pasan o verán en 41 concellos da provincia da Coruña, acollidos por 97 familias. En Ourense hai 32, repartidos en 15 concellos e 29 familias. En Lugo, 24, en 10 concellos e 23 familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2024