O presidente da Xunta asistiu no Grove ao acto de entrega do IV Premio da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama)
Rueda destaca Galicia como un territorio favorable para emprender e para consolidar proxectos empresariais
Subliña a traxectoria dos galardoados, o produtor audiovisual Carlos Vasallo e a empresa familiar Aceites Abril
Resalta o papel das asociacións de empresarios galegos no exterior no impulso á economía da Comunidade
O Grove (Pontevedra), 1 de agosto de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este serán na Illa da Toxa (O Grove) á entrega do IV Premio da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) aos Empresarios do Ano en Galicia e no exterior.
No acto, que se celebrou no marco do X Encontro Internacional de Empresarios Galegos, Rueda subliñou a traxectoria dos galardoados: o produtor audiovisual Carlos Vasallo e a empresa familiar Aceites Abril, cuxo premio recolleron Luis e Jorge Pérez Canal.
Na súa intervención no encontro, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente da Xunta destacou ante os empresarios participantes que Galicia é un territorio favorable “para emprender, para medrar e para darlle continuidade a un proxecto empresarial”.
Do mesmo xeito, resaltou o papel da ampla rede de asociacións de empresarios galegos no mundo, que serven de apoio á acción exterior da economía da Comunidade.