A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, firmaron coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, este acordo
A Xunta e o concello de Santiago asinan o protocolo para humanizar a contorna do Hospital Clínico e mellorar e ordenar a accesibilidade ao complexo
María M. Allegue subliña o esforzo da Xunta, de traballo, diálogo e orzamento, por sacar adiante o protocolo, que beneficiará aos traballadores e usuarios do hospital e a cidade, ao conlevar melloras na mobilidade e na integración do complexo na cidade
O Goberno galego financia nun 90% as actuacións e o Concello achega o 10%
A Xunta comprométese a aprobar un Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para reordenar a zona, habilitar aparcamento e mellorar o acceso aos edificios
De ser posible dende o punto de vista urbanístico antes da aprobación do PIA, a Xunta contratará a execución dun aparcamento parcialmente en superficie e soterrado, así como a mellora do acceso dende a rúa da Volta do Castro
Ángeles Vázquez salienta a colaboración na mellora do saneamento e abastecemento municipais cun investimento de ata 3,5M€, que se suma aos 11M€ da EDAR da Silvouta
O conselleiro de Sanidade remarca que se trata dun protocolo “importante e positivo” para a cidade, para o hospital e para as administracións públicas”
O Concello debe modificar o planeamento urbanístico para acadar a efectividade das obras e poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios e eximir o pagamento do IBI do Hospital Clínico e do Centro de Protonterapia unha vez rematen as obras
A Administración local asume a mellora do transporte urbano que dá servizo aos hospitais, reducindo as frecuencias ata os 5/10 minutos e optimizando a cobertura
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2024
A Xunta e o Concello de Santiago asinan o protocolo para humanizar a contorna do Hospital Clínico e mellorar e ordenar a accesibilidade ao complexo.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, firmaron hoxe coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, este protocolo de colaboración.
O protocolo establece as bases da colaboración para a habilitación de infraestruturas de aparcamento, de mobilidade e a consecución de solos dotacionais, de modo coordinado coa execución das obras de ampliación do hospital.
A este respecto, María M. Allegue subliña “o esforzo da Xunta, tanto de traballo, diálogo e orzamento, por sacar adiante este protocolo, que non só beneficiará aos traballadores e usuarios do hospital, senón a toda a cidade de Santiago, posto que conlevará melloras substanciais na mobilidade e na integración do hospital e na súa contorna urbana”.
No que se refire ao financiamento das intervencións, tal e como se consensuou en reunións previas, todas as actuacións son financiadas nun 90% pola Xunta, achegando o Concello o 10% restante.
Compromisos
En relación ao compromisos establecidos no convenio, a Xunta promove a aprobación dun proxecto de interese autonómico (PIA) que desenvolva a reordenación desta zona, permita habilitar aparcamento, mellore a accesibilidade aos edificios, ao transporte público e aos servizos de urxencias, conformando un espazo integrado na trama urbana.
No caso de ser posible dende o punto de vista urbanístico antes da aprobación do PIA, o Goberno galego contratará a execución dun aparcamento parcialmente en superficie e parcialmente soterrado na parcela hospitalaria, así como a mellora do acceso dende a rúa da Volta do Castro.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, sinalou que o protocolo tamén permitirá mellorar o saneamento e abastecemento en distintos puntos do rural de Santiago froito do compromiso directo do presidente Alfonso Rueda coa alcaldesa. Deste xeito, o Executivo galego avanza no seu apoio ao concello na prestación duns servizos de calidade que son de competencia municipal.
De feito, lembrou que Augas de Galicia xa está a facer importantes investimentos na cidade como os 11 millóns de euros da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, co obxectivo de que estea operativa en 2026.
A titular de Medio Ambiente subliñou que con este protocolo a Xunta se compromete a cofinanciar obras de abastecemento e saneamento nas zonas rurais do municipio con ata 3,5M€. Neste sentido, o Goberno galego estudará os proxectos que presente o Concello e avaliará as necesidades co compromiso de aportar o 70% do investimento, fronte ao 30% do Executivo local. O fin último é mellorar os servizos á veciñanza ofrecendo auga accesible, de calidade e con garantías.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, manifestou a súa satisfacción pola sinatura deste protocolo, “importante e positivo” para a cidade, para o hospital e para as administracións públicas.
Importante e positivo para a cidade, explicou, posto que vai gañar en servizos públicos, en ordenación urbana e calidade de vida; importante e positivo para o hospital, que está en fase de crecemento, cunha expansión que posibilitará mellorar o acceso dos pacientes e dos profesionais á sanidade pública; e tamén importante para as administracións públicas, posto que con esta sinatura se demostra a capacidade de diálogo e para chegar a acordos beneficiosos para a cidadanía.
Na súa intervención, destacou o proceso de ampliación do hospital, no que a Xunta está a investir 70 millóns de euros, ademais da posta en marcha do Centro de Protonterapia, que xa estará atendendo pacientes no ano 2026, co que Santiago e Galicia serán a primeira cidade e a primeira comunidade de España en aplicar este tratamento de oncoloxía de precisión na sanidade pública.
Pola súa banda, o Concello de Santiago debe modificar o planeamento urbanístico de xeito simultáneo á aprobación do instrumento de ordenación do territorio nas cuestións afectadas polas determinacións do PIA e para garantir a súa efectividade. Ademais, correspóndelle dispoñer os terreos necesarios para o desenvolvemento das actuacións.
Correspóndelle tamén ao municipio a mellora do transporte urbano que dá servizo aos hospitais de acordo coas conclusións do Plan de Mobilidade elaborado pola Xunta, de modo que se rebaixen as frecuencias ata os 5/10 minutos e se optimice a cobertura.
O Concello tamén debe eximir o pagamento do IBI do Hospital Clínico e do Centro de Protonterapia, unha vez rematen as obras deste centro e de ampliación do hospital agora mesmo en execución pola Xunta.