Na xuntanza o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada

Gómez Caamaño reúnese coa presidenta da Federación Autismo Galicia para abordar as demandas e necesidades dos pacientes con TEA

A Xunta destina máis de 43.000 euros á Federación Autismo Galicia a través do último convenio asinado co Servizo Galego de Saúde

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2024 O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reuniuse esta semana coa presidenta da Federación Autismo Galicia, Mercedes Fernández, para abordar as actividades realizadas pola asociación, así como as demandas e necesidades dos pacientes con trastorno do espectro autista, TEA.

No encontro tamén estiveron presentes o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e, por parte da federación, Soledad García e Patricia Blanco, secretaria e directora, respectivamente.

No encontro o conselleiro trasladou o apoio da Xunta á Federación Autismo Galicia, que se pon de manifesto coa sinatura anual dun convenio entre esta entidade e o Servizo Galego de Saúde.

En concreto, neste 2024, a Xunta destina máis de 43.000 euros para a realización de diversas actividades dirixidas ás persoas con TEA, ademais da mellora da accesibilidade cognitiva mediante a colocación de sinalización nos centros sanitarios.

A entidade tamén ten solicitado unha subvención da Consellería de Sanidade para a realización de programas de carácter sociosanitario por parte de entidades privadas sen ánimo de lucro. Na convocatoria de 2023, a Xunta financiou con preto de 10.000 euros as súas actividades que benefician aproximadamente 27.000 persoas con este trastorno en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2024