A conselleira María José Gómez participou hoxe na inauguración desta cita declarada Festa de Interese Turístico Galego

A Xunta salienta o potencial dos produtos da horta galegos na XLV Festa do pemento da Arnoia

Este evento serve para poñer en valor a excelencia deste produto característico da localidade ourensá, amparado por unha indicación xeográfica protexida que conta con preto dunha vintena de produtores

Este ano púxose en marcha o Plan estratéxico da horta, que busca converter Galicia nun referente da produción hortícola de calidade, apostando pola sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente

A Arnoia (Ourense), 2 de agosto de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio; participou hoxe na inauguración da XLV edición da Festa do Pemento desta localidade ourensá, evento declarado Festa de Interese Turístico Galego que se celebrará ata o vindeiro domingo.

Esta cita gastronómica busca promocionar este produto, amparado por unha Indicación Xeográfica Protexida, no mercado e exaltar a súa calidade. De feito, a IXP Pemento da Arnoia forma parte das Experiencias de Calidade da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural. Eventos coma este permiten poñer en valor a excelencia e o potencial dos produtos hortícolas de Galicia, neste caso o pemento da Arnoia, e divulgar as características que os fan especiais.

A IXP Pemento da Arnoia conta con preto dunha vintena de produtores e cunha superficie inscrita de 3,6 hectáreas, distribuídas dentro deste concello e na parroquia de Meréns, no municipio de Cortegada, chegando a unha produción comercializada de preto de 2.500 quilos no pasado ano.

A Consellería do Medio Rural apoia esta produción de calidade diferenciada e, por iso, neste ano investirá arredor de 6 millóns de euros nun plan de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada, entre os que se atopa a IXP Pemento da Arnoia.

Plan estratéxico da horta de Galicia

Neste mesmo ano, a Xunta puxo en marcha o Plan estratéxico da horta, que busca converter Galicia nun referente da produción hortícola de calidade, apostando pola sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente. Nel recóllense medidas a desenvolver ata o ano 2030 para  acadar unha diversificación da produción galega e a mellora da súa competitividade.

Este documento está organizado en cinco eixes principais, estruturados á súa vez en 14 medidas que contemplan preto de 70 accións a levar cabo. Ademais, apoiarase a incorporación de mozos á agricultura ecolóxica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2024