As obras de mellora na LU-651 obrigan a cortar o tráfico durante dous meses entre Ferrería vella e Seoane do Courel

O corte comezará mañá luns, 5 de agosto, e finalizará previsiblemente o 11 de outubro con motivo dos traballos necesarios para acometer o ensanche da plataforma da calzada no pq 32+600 desta estrada e garantir a seguridade 

A actuación que está a levar a cabo a Xunta desenvólvese nun treito de dous quilómetros, cun investimento de 3,4M€, e enmárcase na mellora integral que leva a cabo o Goberno galego nesta estrada autonómica 

Os desvíos quedarán sinalizados coas respectivas limitacións, en función de se se trata de vehículos lixeiros ou pesados.  

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2024

As obras de mellora que a Xunta está a desenvolver na LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel obrigarán ao corte temporal deste treito de dous quilómetros da estrada autonómica a partir deste luns 5 de agosto e previsiblemente ata o día 11 de outubro. Os desvíos quedarán sinalizados coas respectivas limitacións en función dos vehículos lixeiros e pesados.  

O corte é necesario para garantir a seguridade debido aos traballos de movemento de terras e de execución da estrutura dun pontón no pq 32+600, para abordar o ensanche da plataforma da calzada.

No caso dos vehículos lixeiros que se despracen desde Folgoso cara Seoane e que non cumpran coas restricións de ancho menor de 2 metros e galibo menor de 2,5 metros desviaranse pola vila de Moreda, mentres que os vehículos que cumpran coas restricións das citadas dimensións poderán usar o desvío desde Ferrería Nova e Seoane, con regularización semafórica para ambos sentidos. 

Para os vehículos pesados, sinalizaranse desvíos a través das estradas provinciais de Meiraos e Seceda.

A previsión da Xunta é rematar este outono estas obras de mellora da estrada LU-651 neste treito entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, no que se está a realizar un investimento de 3,4M€. 

Estas actuacións enmárcanse na mellora integral que impulsa o Goberno galego na estrada LU-651 (Quiroga-Seoane) no tramo de 12 km entre a saída de Folgoso e Seoane do Courel, cun orzamento global de 9,6 M€. 

De xeito paralelo a Xunta avanza na redacción do proxecto da 2ª fase de acondicionamento desta estrada, entre a saída de Folgoso e a saída da travesía que atravesa o núcleo de Ferrería, cun investimento que superará os 6 M€.

Data de actualización: 04/08/2024