Alfonso Villares participa na Festa do percebe de Rinlo, coa que colabora a Xunta de Galicia
Ribadeo (Lugo), 3 de agosto de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou este sábado na festa do percebe de Rinlo (Ribadeo). Unha edición máis o encontro gastronómico contou coa colaboración da administración autonómica, que ten por obxectivo enxalzar este produto do que detrás hai un gran sacrificio e a entrega de moitas percebeiras e percebeiros que se dedican a este oficio e apostan por el como o seu medio de vida.
Esta edición faise, ademais, de forma sostible e segura, ao contar co Percebús; servizo de transporte totalmente gratuíto para favorecer a mobilidade dos asistentes. Deste xeito, dende o departamento que dirixe Villares, dáse continuidade ao compromiso de por en valor o excelente produto que sae das costas galegas, contribuíndo de xeito paralelo a impulsar a economía local dos concellos marítimo-pesqueiros.